Pestanas principais

O Setembro Lúdico achega aos nenos e nenas ao mundo rock

Martes, 01 de setembro de 2015

[01-09-2015] O avó Rocka, papá e mamá Rocka, Sofia Rocka, Saúl Rocka e Breixo Rocka. Os monitores e monitoras da empresa Agora Aberta, que se encarga do Setembro Lúdico no Concello de Ames, convértense este ano nunha familia rockeira que trasladará aos nenos e nenas a historia, a tradición, a estética e os ritmos deste estilo musical. A través de diversos xogos e dinámicas, os 133 nenos e nenas inscritos no programa de conciliación da vida laboral e familiar “Setembro Lúdico” gozarán dunha programación centrada na educación musical, traballando de xeito divertido a percepción, o sentido do ritmo, a improvisación, a discriminación auditiva e a melodía. O Setembro Lúdico alongarase ata o día 9 de setembro, véspera da xornada na que comezan as clases oficiais nos centros educativos.

Segundo Agora Aberta, a empresa responsable do Setembro Lúdico, a razón da escolla de “Escola de rock” como título global da programación deste programa de conciliación que cubre as necesidades das familias desde que acaba a Escola de Verán ata que comeza o curso escolar, responde ao seu valor informal e rebelde: “Fronte aos conservatorios e as escolas formais de música, unha escola de rock resulta moito máis atractiva para os nenos e as nenas que buscan pasalo ben durante os últimos días de verán. Isto non significa que tan só se lle dedique tempo a este estilo musical, senón que nesta escola cabe todo tipo de música sempre que sexa dunha maneira divertida e informal”.

Xogos de improvisación cantada, competicións musicais, elaboración de instrumentos de percusión, pasarela de estrelas, dinámicas de percepción musical, traballos de ritmo, discriminación auditiva, expresión corporal ao xeito rockeiro, xogos musicais con globos, batalla de cancións, adiviñanzas de melodías, custumización de camisolas e maquillaxe de estrelas do rock, obradoiro de chapas personalizadas, deseño de portadas, laboratorio de improvisación, técnica vogal e ritmo cos pés son algunhas das actividades que os nenos e nenas participantes do Setembro Lúdico desenvolverán ao longo dos sete días que durará o programa e que desembocarán nun gran Festival Ames Rock.

Dos 133 nenos e nenas que este ano participan no Setembro Lúdico, 77 están inscritos en Milladoiro e 66 en Bertamiráns. Non hai listaxe de garda, dado que todas as inscricións, incluídos todos os casos de emerxencia social, foron admitidos. O Setembro Lúdico iníciase cada día ás 7:30 horas. Ás nove, os nenos e nenas pasarán a desenvolver as actividades programadas ata as 14:30 horas. No caso de Bertamiráns, os nenos e nenas desenvolverán as actividades no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro as actividades terán lugar na escola infantil, situada na Travesía do Porto, e no pavillón polideportivo. Os nenos e nenas que non vaian usar o servizo de comedor serán recollidos/as antes desta hora. Os usuarios de comedor terán xogo libre e comedor ata as 16.00 horas.

Contido relacionado


"Música para un novo concilia Setembro Lúdico amesán"
"Cuando conciliar suena a música celestial"
"Setembro lúdico a ritmo de rock para 133 escolares"