Pestanas principais

O servizo de transporte adaptado de Ames realizou máis de 250 servizos durante os últimos seis meses

Mércores, 25 de xullo de 2018

[25-07-2018] O servizo de transporte adaptado do Concello de Ames, xestionado dende a Oficina municipal de voluntariado co obxectivo de axudar aos máis de 450 usuarios con mobilidade reducida do concello que quedaban fóra do servizo de ámbito autonómico, levou a cabo máis de 250 servizos nos últimos seis meses. O goberno municipal segue apostando polo gasto social para que repercuta na mellora das condicións de vida de todos os veciños e veciñas de Ames.

Dende principios de 2018, o servizo de transporte adaptado municipal, que facilita que persoas con problemas de mobilidade poidan realizar tarefas esenciais como acudir aos servizos médicos, realizar xestións administrativas ou asistir a eventos sociais, leva atendidas máis de 250 solicitudes. De este xeito, este servizo convértese nun servizo prioritario para os amesás e pasa a apoiar a aposta do goberno municipal no gasto social que repercuta na mellora das condicións de vida de todos os veciños e veciñas do concello.

Este servizo de transporte conta cun microbús formado por trece prazas, que se dividen en once para persoas sentadas e dúas cadeiras de rodas. O vehículo complétase coa condutora e a auxiliar de transporte que axuda a todas as persoas usuarias a subir e baixar do microbús. O grado de dependencia de moitos dos veciños e veciñas que demandan este servizo está provocado por doenzas como a esclerose múltiple, trastornos psicolóxicos, dificultades de mobilidade ou emprego de cadeira de rodas e idade avanzada.

A concelleira de Voluntariado, Isabel González, indica que “con este servizo de transporte adaptado, que no noso concello vén funcionando dende o ano 2007, garántese a máxima integración dentro dos servizos da contorna daquelas persoas que teñan algún grao de dependencia ou dificultade, e tamén a todas aquelas que, por motivos de contexto xeográfico e social, aínda que non teñan grandes problemas de mobilidade si precisan do servizo. Moitos dos usuarios son persoas maiores de setenta anos”. Asemade, agradeceu “o traballo das persoas que no día a día fan que este servizo funcione”.

Unha oportunidade para desenvolver con normalidade a vida cotiá
Ir ao hospital, ao banco, á piscina ou á farmacia convértense en actividades imposibles para persoas que presentan dificultades serias na mobilidade. Por tanto, máis de 450 usuarios con mobilidade reducida válense do servizo de transporte adaptado do Concello de Ames, que se xestiona desde a Oficina municipal de Voluntariado, para realizar actividades da vida cotiá nun horario interrompido de 8:00 horas da mañá ás 19:00 horas da tarde.

De este xeito, o Concello de Ames inviste en programas de carácter social como é o transporte adaptado, que permite cubrir as necesidades de determinados veciños e veciñas que quedaban fóra do servizo de ámbito autonómico.

Para solicitar máis información ou facer a súa reserva de praza, o servizo conta cun teléfono gratuíto, o 900 204 000, e para unha atención personalizada os interesados e interesadas poden achegarse á Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) na Casa da Cultura de Bertamiráns. O horario para facer a consulta, sexa de forma presencial ou por teléfono, é de 9.00h a 14.00 horas.