[09-05-2012] Con motivo da conmemoración do Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas, o 26 de xuño de 2012, o Servizo de Prevención de Drogodependencias dos Concellos de Ames, Brión e Negreira, convoca o I Certame de carteis co obxectivo de sensibilizar a poboación sobre o problema mundial da droga. Segundo destaca a Concellería de Medio Ambiente, Sanidade e Cultura de Ames, o certame diríxese aos 1.260 alumnos de educación secundaria e bacharelato dos tres institutos dos concellos que integran este programa, dos cales, durante o actual curso escolar 2011-12, traballouse con 913 alumnos. O prazo de entrega dos traballos remata o día 4 de xuño. Haberá un premiado por cada IES e os premios entregaranse o propio día 26 de xuño, Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas, no Feirón Saudable que se organizará no Concello de Brión. O Feirón Saudable irase realizando cada ano nun dos tres concellos. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o tríptico coas bases do primeiro Certame de carteis.
O día 26 de xuño foi establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coma o Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas. O Secretario Xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-moon, manifestou que “o uso de drogas é, fundamentalmente, un problema de saúde. A farmacodependencia é unha enfermidade, non un delito, os verdadeiros delincuentes son os traficantes de drogas”.
Tendo en conta esta data o servizo de Prevención das drogodependencias dos concellos de Ames, Brión e Negreira, convocou o I Certame de Carteis-Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas. Neste certame poden participar de xeito individual, os 1.260 alumnos/as de Educación Secundaria e Bacharelato que no curso académico 2011-12, están cursando estudos no IES de Ames, IES Brión e IES Xulián Magariños de Negreira.
Prazo de presentación das obras
O prazo de presentación das creacións remata o día 4 de xuño e os carteis estarán expostos en cada un dos tres institutos de Educación Secundaria dende o día 6 ata o 22 de xuño que remata o curso escolar. Haberá tres carteis premiados, un por cada instituto. Estes carteis con cadanseu lema serán os que se difundan polos Concellos de Ames, Brión e Negreira para conmemorar o Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas. Como colofón, o día 26 de xuño, organizarase un Feirón Saudable con diferentes actividades no que se entregarán os premios aos autores ou autoras dos tres carteis gañadores.
A decisión do xurado anunciarase publicamente o día 18 de xuño de 2012 a través das páxinas web de cada un dos concellos e de cada un dos IES, tamén se lle comunicará persoalmente aos gañadores. Os premios entregaranse o 26 de xuño de 2012 nun acto público que se celebrará no Feirón Saudable do Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas en Brión. Os/as autores/as dos carteis que resulten gañadores serán agasallados con 5 exemplares do cartel que se edite, cun trofeo e con un vale de 50 euros canxeable por material escolar.
En cada un dos tres concellos que están integrados no servizo de Prevención das drogodependencias, difundiranse os carteis gañadores co obxectivo de sensibilizar a sociedade e a opinión pública sobre o problema mundial da droga.
Reflexión sobre o traballo de prevención
Dende o Servizo de Prevención das Drogodependencias manifestan que “despois do traballo de prevención realizado nos tres institutos (IES de Ames, IES Brión e IES Xulián Magariños de Negreira) no que se abordou a problemática no seu sentido máis amplo, sempre co obxectivo final de promover a saúde e o benestar da persoa e da sociedade evitando a situación de dependencia, pretendemos que os escolares reflexionen sobre o traballo de prevención realizado durante o curso escolar e que isto quede reflectido nunha creación que será difundida dentro da campaña conmemorativa do Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas nos Concellos de Ames, Brión e Negreira".
Por último cómpre destacar que os gobernos teñen a responsabilidade de contrarrestar o tráfico de drogas e o uso indebido de drogas, pero as comunidades tamén poden facer unha contribución importante. As familias, as escolas, a sociedade civil, as empresas, os medios de comunicación e outras organizacións, poden implicarse para concienciar sobre os perigos, implicarse para que se cumpran as normativas vixentes e librar de drogas a súa comunidade.
¡Invitámosvos a tod@s a conmemorar o 26 de xuño!. É unha ocasión única de tomar acción contra un problema que nos afecta a tod@s. Contamos contigo no Feirón Saudable que este ano se organizará con tal motivo en Brión.




