[17-12-2011] "¿Para que ir máis lonxe? No Nadal, tamén, merca en Ames". Arredor de 200 Carteis con este lema, distribuídos nos establecementos comerciais do concello e tarxetas a disposición do público nos centros de ensino, Casas da Cultura e Casa do Concello informarán ás familias de Ames da posta en marcha da Ludoteca de Nadal. O servizo ten o obxectivo de facilitar xornadas de compras tranquilas aos papás e mamás amesáns e forma parte da Campaña de apoio ao comercio local que se pon en marcha coincidindo con estas datas festivas. Os centros de ocio "Educalia" de Bertamiráns e "O Bosque Animado" do Milladoiro serán os encargados de abrir a ludoteca os días 19 e 26 de decembro e o 2 de xaneiro dende as 16.15 ás 20.15 horas e o 5 de xaneiro dende as 11.00 ás 14.00 horas.
Con só presentar unha nota de compra do mesmo día de calquera establecemento comercial de Ames, a rapazada amesán terá dereito a unha xornada de Ludoteca gratuíta e as familias poderán facer as súas compras tranquilamente. Ó servizo de Ludoteca terán acceso nenos de entre 2 e 12 anos.
Os centros nos que se pon en marcha a ludoteca, "Educalia" de Bertamiráns e "O Bosque Animado" do Milladoiro, preparan xa un programa de actividades para que os nenos e as nenas o pasen en e se entreteñan mentres os seus papás e mamás fan as compras de Nadal. O servizo forma parte da Campaña do Comercio de Ames en Nadal que organiza a Concellaría de Promoción Económica e que inclúe o concurso de escaparatismo, o alumeado de Nadal e o servizo de Ludoteca. Estas accións están ideadas coa finalidade de potenciar as compras nesta época festiva tan importante para o sector do comercio, co obxectivo de apoiar, potenciar e divulgar o tecido empresarial e comercial amiense.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La ludoteca de Nadal de Ames funcionará a partir del lunes"




