[30-06-2012] O Concello de Ames leva a lectura e outros servizos da Biblioteca aos lugares de ocio de todo o municipio. Por iso, pon en marcha, outro ano máis, a campaña das bibliopiscinas baixo o lema "Móllate na lectura, 2012!". Este servizo é unha iniciativa da Biblioteca municipal que, por décimo ano consecutivo, pretende achegar os seus servizos tradicionais, levando os libros, os xogos, os xoguetes e varias actividades a estas áreas. As actividades desenvolveranse desde o vindeiro luns, 2 de xullo, nas piscinas descubertas do Milladoiro e Bertamiráns, e na área recreativa de Tapia. Ademais, nas bibliopiscinas haberá xornais e libros para os maiores.
Un ano máis, coa chegada do verán, comeza o servizo de bibliopiscinas en Ames. A través desta iniciativa trátase de facer máis divertidas as tardes de sol para pais, nais e fillos/as. Os pais e nais poderán gozar dos servizos como lectura de prensa, lectura dentro do recinto, préstamo de libros a toallas e a domicilio. Os máis pequenos terán xogos para todas as idades e xoguetes. Este servizo realizarase todos os días na hora da merenda diversas actividades. A campaña das bibliopiscinas comezará o día 2 de xullo e encherá ata agosto os espazos abertos das piscinas municipais.
Todos/as coñecemos a importancia de medrar coa lectura e, por esta razón, o Concello impulsa iniciativas coma esta das bibliopiscinas, para que os nenos poidan asociar a lectura non só coas horas de estudo senón tamén co tempo de lecer. Os expertos coinciden en que é importante que os nenos e nenas non perdan o hábito de estudo nas vacacións, xa que logo lles resultará máis complicado a volta á rutina escolar. Pero non debemos esquecer que eles, ao igual que todos, necesitan descansar e desenvolver actividades lúdicas e motivadoras.
Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas poderán gozar de contacontos. Todas as tardes levarase a cabo a hora do conto. Ás 18:00 horas, os monitores encargaranse de ler diversos contos. Ademais durante esta hora os pais e nais poderán aproveitar para darlle a merenda aos fillos. As actividades estrelas será os contacontos ou obradoiros que se desenvolven os mércores ás 18:00 horas en cada unha das áreas de baño: Milladoiro, Tapia e Bertamiráns.
Este servizo está dirixido a todo o público sendo unicamente requisito contar cun carné municipal para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio. Todos os demais servizos son de acceso libre. As bibliopiscinas estarán abertas ao público nos meses de xullo e agosto. En Bertamiráns e no Milladoiro o horario será de luns a venres de 16:00 h. a 20:00 horas. As fins de semana e os festivos estarán pechadas.
En Tapia o horario será o mesmo, dende as 16:00 h. ás 20:00 horas, pero de luns a sábado. Ademais, estará aberto os días festivos. En canto á biblioteca municipal, estará aberta nos meses de verán en horario das 10:00 h. ás 14:00 horas. En caso de mal tempo, as bibliopiscinas poderán pechar, aínda que a persoa encargada de cada unha estará alí.
Calquera piscina esperta unha gran fascinación para os nenos e nenas e a campaña das bibliopiscinas "Móllate na lectura, 2012!" axudará a pais e nais á conciliación da vida familiar durante o verán. Simplemente será unha axuda para os días na piscina en Ames sexan inesquecibles.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Las bibliopiscinas de Ames comenzarán a funcionar el lunes"
El Correo Gallego: "O servizo de bibliopiscinas ponse en marcha o luns"