[22-06-2017] Este pasado luns, 19 de xuño, saíu publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da Presidencia do Servizo Galego de Saúde polo que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para acometer a execución das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. A contratación da dirección facultativa das obras será xestionada directamente polo Sergas. Cómpre lembrar que a semana pasada o goberno municipal aprobou en Xunta de Goberno Local a concesión de licenza de obra para a construción deste equipamento.
Continuase avanzando na tramitación do novo centro de saúde do Milladoiro. Neste caso o Servizo Galego de Saúde (Sergas) encomendoulle á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para acometer a execución das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. A contratación da dirección facultativa das obras será xestionada directamente polo Sergas. Agora, será a Xunta a que teña que abrir o proceso de licitación para adxudicar as obras de construción deste equipamento tan necesario para Ames.
Asemade, hai que lembrar que a semana pasada celebrouse unha Xunta de Goberno extraordinaria na que se aprobou a concesión de licencia de obra á Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Este trámite realizouse despois de que a Administración autonómica aboase as taxas correspondentes. Esta infraestrutura construirase nunha parcela do S-15, que se atopa en fronte á Casa da Cultura e ao pavillón polideportivo do Milladoiro.
O novo centro de saúde do Milladoiro ten un orzamento estimado de execución material de 1.884.919,34 euros e uns 1.600 metros cadrados de superficie construída. Este centro de saúde contará, ademais das instalacións auxiliares, con 23 despachos para os médicos, enfermeiros/as, farmacia, matrona, educación sanitaria, odontólogo, fisioterapeuta co correspondente ximnasio, toma de mostras, consultas polivalente de técnicas de urxencias de probas, consultas de pediatría, e para os traballadores/as sociais.
Esta infraestrutura disporá principalmente de tres módulos. No primeiro estarán situadas as áreas de pediatría e maternidade; na segunda estará a área de medicina xeral, e a terceira estará dedicada a fisioterapia, odontoloxía e salas de oficinas. Asemade, existirán varias zonas verdes que lle darán luz natural aos diferentes módulos, e unha parte baixa na que estarán instaladas as caldeiras da calefacción de eficiencia enerxética, etc. A entrada deste equipamento lindará coa Travesía do Porto e estará construída cun prefabricado de formigón.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Avanzan os trámites para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro"
La Voz de Galicia: "El centro de salud de Milladoiro que licitará la Xunta costará 1,9 millones"




