[01-04-2011] "É moito máis fácil, máis cómodo, non tes que erguerte tantas veces pola noite e o vínculo familiar que se crea é moito máis forte", deste xeito se manifesta Pablo, o papá de Alén, un dos homes que participa activamente nas xuntanzas de "Teta e Coliño" que desde hai varias semanas se desenvolven os martes, ás 16:30 horas, no Edificio de Servizos Múltiples do Milladoiro. Este grupo de lactancia de Ames nace co obxectivo de informar e asesorar as mulleres que queren dar peito, axudar nas posibles dificultades que xurdan no tempo da lactancia e crear un espazo de intercambio e aprendizaxe continúa entre as familias de lactantes. A presentación oficial do grupo terá lugar este sábado 2 de abril, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.





