Pestanas principais

O sábado, 7 de xaneiro, terá lugar o III partido benéfico de Baloncesto Concello de Ames

Mércores, 04 de xaneiro de 2012

[04-01-2012] Por terceiro ano consecutivo o baloncesto servirá para ter un Nadal máis solidario en Ames. O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá o vindeiro sábado día 7 de xaneiro, ás 20:00 horas, o terceiro partido benéfico de baloncesto Concello de Ames. O XL Milladoiro medirase contra un equipo de famosos de Galicia entre os que están Pepo Suevos, Óscar Pereiro, Xavier Deive, Terio Carrera, David Amor, Xosé Barato, Miguel Juane, Federico Pérez, Xosé Antonio Touriñán, Iván Raña, Julio Jiménez... Este equipo estará adestrado por Alberto Corbacho e Oriol Junyent, xogadores do Blusens Mombus Obradoiro. Os beneficios irán en favor de Paula, unha nena de 16 meses que ten agenesia sacra.

Tras a magnífica acollida que tivo esta iniciativa nas edicións pasadas, decidiuse organizar a terceira edición do partido benéfico de Baloncesto Concello de Ames. Este evento terá lugar o vindeiro sábado, 7 de xaneiro ás 20:00 horas, no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Neste encontro enfrontarase o XL Milladoiro contra un equipo formado por famosos de Galicia. A principal novidade deste ano será que o equipo de famosos estará adestrado por Alberto Corbacho e Oriol Junyent, xogadores do Blusens Mombus Obradoiro. É posible que acuda algún xogador máis do Blusens Mombus Obradoiro pero dependerá da súa dispoñibilidade.

Deste xeito, rostros moi coñecidos para toda a veciñanza amiense estarán na cancha do pavillón polideportivo de Bertamiráns. Xogará o cómico Xosé Antonio Touriñán, coñecido por ser un dos principais humoristas do programa "Land Róber" ou por ser membro do dúo cómico Mucha e Nucha que actúan en 'Luar'. Xabier Deive, actor da serie 'Matalobos', xogará tamén, ao igual que Pepo Suevos, polifacético actor, cómico e contacontos que participa na serie 'Matalobos'. Outros actores que participarán neste encontro son Federico Pérez, que actúa na serie "Padre Casares", ou o cómico David Amor.

Cóntase ademais con Terio Carreira, xornalista deportivo da Televisión de Galicia. E, como non, con deportistas como Miguel Juane, ex-xogador do Club Amigos Baloncesto Obradoiro, Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia en 2006, e Iván Raña, triatleta cun longo palmarés de premios en copas e campionatos de todo o mundo que acadou o quinto posto nos Xogos Olímpicos de Sidney en 2000.

Todos os beneficios que se obteñan no partido irán destinados en favor de Paula, unha nena de 16 meses que ten agenesia sacra. Paula naceu sen sacro e con dúas vertebras mal formadas o que lle afecta as extremidades inferiores. Esta rapaza non pode andar e necesita un tratamento cun custo moi elevado. A través desta iniciativa pretendese recadar diñeiro para pagar parte do tratamento que terá que realizar Paula en Alemaña.

Todas as persoas que acudan a este evento participarán no sorteo de zapatillas, roupa deportiva, vales para cambiar por material deportivo, etc. Ademais sortearase unha camiseta do Real Madrid de baloncesto asinada por todos os seus xogadores, unha camiseta do Barcelona, e unha camiseta do Autos Lobelle de Santiago Fútbol Sala, que tamén se sumaron a esta iniciativa cedendo este material de xeito desinteresado.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "O sábado terá lugar o III partido benéfico de Baloncesto Concello de Ames"