Pestanas principais

O sábado, 10 de marzo, proxectarase en Ames o documental "Homes de xeo: galegos na Antártida"

Venres, 02 de marzo de 2018

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro sábado, 10 de marzo, a proxección do documental Homes de xeo: galegos na Antártida, unha obra do xornalista e realizador audiovisual de Marín, Carlos Prado Pampín. O traballo audiovisual, Homes de xeo, conta a vida de tres persoas (o xefe de cociña do barco, un científico, e o patrón de embarcacións) galegas no polo sur a bordo do buque Hespérides. A partir das 18:00 horas haberá unha conferencia sobre a Antártida, proxectarase o documental, e farase un coloquio arredor de dita obra audiovisual. Premendo no seguinte enlace poderán ver o tráiler do documental.

O xornalista e realizador audiovisual de Marín, Carlos Prado Pampín, estivo na Antártida en febreiro de 2017, como enviado especial da La Sexta Noticias, canle de televisión na que traballa dende hai 10 anos, para realizar unha serie de reportaxes sobre o cambio climático e as súas consecuencias no continente de xeo. Froito da viaxe, naceu a idea de rodar un documental propio. “Cando comprobei que o barco estaba cheo de galegos, tanto mariños coma científicos. Entón tiven a ocorrencia de rodar como viven os nosos paisanos o día a día nun entorno como é a Antártida dentro dun barco durante 6 meses”, conta Carlos Prado.

O documental Homes de xeo, narra, a través da experiencia e as voces de tres galegos, o xefe de cociña do barco, un científico, e o patrón de embarcacións do Hespérides, como é a vida na Antártida, o traballo que alí desempeñan, as marabillas que agocha o polo sur, a morriña que senten a 15.000 quilómetros da casa, ou as consecuencias do cambio climático, entre outros temas. “Pretendo que todos coñezamos e valoremos un pouco máis a vida dos galegos en alta mar, como é o seu traballo entre o xeo, o que pensan e senten, e o mesmo tempo quero amosar a importancia que ten a Antártida para a saúde do planeta e como o quecemento global comeza a afectar a esta paisaxe. Todo a través dos ollos de tres galegos”, explica o realizador de Marín.

As condicións especiais da Antártida, onde o xeo, o frío, os animais salvaxes, os glaciares, as tormentas… están á orde do día, provocan que a convivencia no buque de investigación oceanográfica Hespérides sexa “máis intensa e próxima, cun gran compañeirismo entre a tripulación, coma unha gran familia que traballa unida. O ambiente a bordo do buque é fantástico, dende o primeiro momento no que subín ao barco, sentinme coma na casa”, asegura Prado Pampín. E non é para menos, entre a tripulación do Hespérides da campaña Antártica 2016/2017, Carlos Prado atopouse con dous veciños de Marín e unha decena de galegos.

Conferencia, proxección e coloquio sobre a Antártida
Despois de estrearse en Marín no pasado mes de outubro, este traballo audiovisual chega a Ames o sábado 10 de marzo. O propio autor do documental, Carlos Prado Pampín, será o encargado de impartir, ás 18:00 horas, unha breve conferencia sobre a Antártida. De seguido, as 18:30 horas, proxectarase o documental, e por último, ás 19:15: horas, farase un coloquio arredor de dita obra audiovisual. A entrada ao auditorio é de balde ata completar o aforo.

Entre os traballos máis coñecidos de Carlos Prado Pampín atopamos a curtametraxe de ficción Vellas, protagonizada pola avoa de Carlos e por unha veciña de Mogor. A curta foi finalista dos Premios Mestre Mateo 2008 na categoría de curtametraxe de ficción e finalista no festival de Cans 2008 (O Porriño). 

Carlos Prado tamén é o realizador da curta-documental “A mano o a máquina”, un traballo que viralizou nas redes sociais e superou o millón de visitas. Amosa a simpática conversación de dúas xubiladas galegas (de novo a súa avoa Malita e a súa veciña Aurita) sobre as novas tecnoloxías nunha fonte de Mogor, mentres lavan a roupa a man.  Prado Pampín tamén conseguiu o Premio internacional BEFESA de xornalismo medioambiental 2016 polo seu traballo nas novas da Sexta televisión.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames acollerá a proxección do documental Homes de xeo: galegos na Antártida"
Compostela 24 horas: "El documental "Hombres de xeo: galegos na Antártida" se proyectará el 10 de marzo en Bertamiráns"
Ames Go: "O sábado, 10 de marzo, proxectarase en Ames o documental Homes de xeo: galegos na Antártida"

O sábado, 10 de marzo, proxectarase en Ames  o documental "Homes de xeo: galegos na Antártida"

Multimedia

  • O sábado, 10 de marzo, proxectarase en Ames  o documental "Homes de xeo: galegos na Antártida"
  • O sábado, 10 de marzo, proxectarase en Ames  o documental "Homes de xeo: galegos na Antártida"
  • O sábado, 10 de marzo, proxectarase en Ames  o documental "Homes de xeo: galegos na Antártida"
  • O sábado, 10 de marzo, proxectarase en Ames  o documental "Homes de xeo: galegos na Antártida"