Pestanas principais

O roupeiro municipal volve a recoller roupa despois de participar na campaña de recollida de xoguetes

Luns, 16 de xaneiro de 2012

[16-01-2012] O roupeiro municipal volve a retomar a súa actividade habitual despois de que durante as últimas semanas non recollese roupa nin obxectos por mor da campaña de recollida de xoguetes. O persoal voluntario, que traballa de xeito desinteresado neste servizo, dedicouse a revisión e clasificación dos xoguetes, en lugar de traballar no servizo do roupeiro municipal. As persoas con menos recursos do concello pódense beneficiar do labor social que leva a cabo o roupeiro municipal, que está situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova. Neste lugar almacénase a roupa recollida nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro e fanse os paquetes que posteriormente se distribúen.

Durante o mes de decembro e a primeira quincena de xaneiro o roupeiro municipal do Concello de Ames tivo pechadas as súas instalacións por mor da campaña de recollida de xoguetes para o Nadal. A pesar de non recoller roupa, o que si se fixo foi entregar paquetes de roupa a todas aquelas persoas que así o solicitaron. Agora, este servizo municipal volve a retomar a súa actividade habitual co obxectivo de facerlle fronte á necesidade básica de roupa e calzado do colectivo de poboación amiense menos favorecido.

O roupeiro municipal de Ames leva funcionando nove anos para atender as necesidades das persoas con menos recursos do Concello grazas ao esforzo e ao traballo de persoas voluntarias que xestionan este servizo. Sete persoas dedican, desinteresadamente, parte do seu tempo para asegurar o correcto funcionamento deste servizo que consegue paliar, en parte, as carencias das persoas que o precisan. Durante o pasado ano detectouse un importante incremento de solicitudes no servizo do roupeiro municipal, que xestiona a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA).

A roupa solicítase e recóllese nas dependencias habilitadas do departamento de Servizos Sociais nos centros socioculturais de Bertamiráns, de luns a venres en horario de 9:00 h. a 14:00 horas, e no Milladoiro, os luns e mércores en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Alí pódese achegar toda a veciñanza a doar a roupa que desexen, incluíndo calzado, roupa de cama, toallas, carriños de bebé e mesmo colchóns. Dende alí, a brigada municipal traslada todo o material acumulado ata o depósito do roupeiro municipal situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova.


Elaboración dos paquetes de roupa

As persoas voluntarias son as encargadas de recibir as prendas de roupa, facer a escolla das que estean en bo uso, almacenalas no roupeiro e entregalas ás familias máis desfavorecidas do Concello, sempre baixo a supervisión do técnico da Oficina de Voluntariado de Ames. Cando chega unha petición por parte dalgún usuario ou usuaria, as voluntarias seleccionan a roupa que mellor se axeite ao caso correspondente e elaboran un paquete adaptado ás características e demandas do/a solicitante.

As familias que desexen solicitar paquetes de roupa terán que achegarse ata a Oficina do Voluntariado e alí o persoal que xestiona este departamento realizará unha ficha cos datos da súa solicitude. Este departamento está situado na Casa da Cultura de Bertamiráns, pero tamén atende as necesidades da veciñanza na Casa da Cultura do Milladoiro os luns e os mércores en horario de 9:00 h. a 12:00 horas da mañá.

Por outra parte, todas as persoas que queiran botar unha man e prestar axuda ás voluntarias e ás persoas que máis o precisan, poden informarse de xeito presencial na Oficina Municipal de Voluntariado situado na Casa da Cultura de Bertamiráns ou chamando ao número de teléfono 981 883 703.