Pestanas principais

O roupeiro municipal repartiu 600 paquetes de roupa durante o primeiro semestre de 2011

Mércores, 06 de xullo de 2011

[06-07-2011] As persoas con menos recursos do concello seguen a beneficiarse do labor social que leva a cabo o Roupeiro municipal. Ao longo do primeiro semestre de 2011 recibíronse unhas 600 solicitudes de roupa. Ademais, ao longo do pasado ano repartíronse 850 paquetes de roupa. O roupeiro está situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea nova. Neste lugar almacénase a roupa recollida nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro e fanse os paquetes que posteriormente se distribúen. Sete persoas voluntarias poñen o seu grao de area para o funcionamento deste servizo que está en marcha dende o 2003. A partir do mes de xullo o roupeiro municipal non recolle roupa co fin de poder ordenar e limpar as súas instalacións de cara ao vindeiro curso e tamén por descanso do persoal voluntario que traballa de xeito desinteresado neste servizo. Con todo, nos meses de xullo e agosto seguirase entregando roupa a todas aquelas persoas que así o soliciten.


Restruturación do servizo

Durante os meses de xullo e agosto o roupeiro municipal non recolle roupa co fin de poder restruturar o servizo. Durante estes dous meses vaise ordenar e limpar as instalacións do roupeiro municipal de cara ao vindeiro curso e o persoal voluntario que traballa de xeito desinteresado neste servizo vai coller un tempo de descanso. A pesar disto, nos meses de xullo e agosto, seguirase entregando roupa a todas aquelas persoas que así o soliciten.

As familias que desexen solicitar paquetes de roupa terán que achegarse ata a Oficina do Voluntariado e alí o persoal que xestiona este departamento realizará unha ficha cos datos da súa solicitude. Este departamento está situado na Casa da Cultura de Bertamiráns, pero tamén atenderá as necesidades da veciñanza na Casa da Cultura do Milladoiro os luns e os mércores en horario de 9:00 h. a 12:00 horas da mañá.

Por outra parte, todas as persoas que queiran botar unha man e prestar axuda ás voluntarias e ás persoas que máis o precisan, poden informarse de xeito presencial na Oficina Municipal de Voluntariado situado na Casa da Cultura de Bertamiráns ou chamando ao 981 883 703.

A función social do roupeiro municipal é enorme. Na sociedade actual téndese a considerar que as persoas sen recursos viven lonxe ou, directamente, téndese a non pensar nelas. Pero a pobreza e a falla de recursos son realidades que temos moi preto e que cómpre erradicar co apoio de toda a sociedade e un gran esforzo solidario. O roupeiro municipal de Ames é un exemplo disto, paliando, na medida do posible, as carencias das persoas que o necesitan. Un Ames mellor é traballo de todos e todas.


O roupeiro municipal de Ames leva funcionando nove anos para atender as necesidades das persoas con menos recursos do Concello grazas ao esforzo e ao traballo de persoas voluntarias que xestionan este servizo. Sete persoas dedican, desinteresadamente, parte do seu tempo para asegurar o correcto funcionamento deste servizo que consegue paliar, en parte, as carencias das persoas que o precisan. A súa utilidade e necesidade quedan patentes xa que durante o primeiro semestre de 2011 atendéronse 600 solicitudes.

Este ano detectouse un importante incremento de solicitudes, xa que no primeiro semestre beneficiáronse deste servizo, que xestiona a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), arredor de 600 familias, cunha media de 100 solicitudes por mes. Destas solicitudes, aproximadamente un 70% foron peticións de roupa para rapaces e rapazas menores de 16 anos. Ademais, ao longo de 2010 repartíronse uns 850 paquetes, o cal dá un cifra de preto de 1.500 paquetes entregados nos últimos 18 meses.

A roupa recóllese nos centros socioculturais tanto de Bertamiráns coma do Milladoiro, nas dependencias habilitadas do departamento de Servizos Sociais, entre o luns e o venres, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Alí pódese achegar toda a veciñanza a doar a roupa que desexen, incluíndo calzado, roupa de cama, toallas, carriños de bebé e mesmo colchóns. Dende alí, a brigada municipal traslada todo o material acumulado ata o depósito do roupeiro municipal situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova. A sede estivo na antiga escola parroquial de Biduído ata 2008, cando se decidiu desde o Concello darlle un pulo co acondicionamento dunhas instalacións máis apropiadas e modernas. Así, hoxe en día conta cunha sede óptima desde a que levar a cabo o seu importante labor social.

As voluntarias, sete na actualidade, son as encargadas de recibir as prendas de roupa, facer a escolla das que estean en bo uso, almacenalas no roupeiro e entregalas ás familias máis desfavorecidas do Concello, sempre baixo a supervisión do técnico de voluntariado do departamento de Servizos Sociais. Cando chega unha petición por parte dalgún usuario ou usuaria, as voluntarias seleccionan a roupa que mellor se axeite ao caso correspondente e elaboran un paquete adaptado ás características e demandas do/a solicitante.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La crisis vuelve a disparar el uso del ropero de Ames"
El Correo Gallego: "600 paquetes de ropa repartió el Concello de Ames entre enero y junio "
La Voz de Galicia: "Captación de más voluntarios"