Pestanas principais

O roupeiro municipal non recollerá roupa ata o 15 de xaneiro por mor da campaña de recollida de xoguetes

Martes, 06 de decembro de 2011

[06-12-2011] Dende o 1 de decembro de 2011 ata o 15 de xaneiro de 2012 o roupeiro municipal non recolle roupa nin obxectos por mor da campaña de recollida de xoguetes. O persoal voluntario, que traballa de xeito desinteresado neste servizo, dedicarase a revisión e clasificación dos xoguetes, en lugar de traballar no servizo do roupeiro municipal. O mesmo ocorrerá co persoal da brigada de obras, que traballa habitualmente no roupeiro municipal, e que durante este mes e medio colaborará na campaña de recollida de xoguetes. A campaña de recollida de xoguetes para o Nadal estará aberta ata o vindeiro 2 de xaneiro.

Durante o mes de decembro e a primeira quincena de xaneiro o roupeiro municipal do Concello de Ames terá pechadas as súas instalacións por mor da campaña de recollida de xoguetes para o Nadal. A pesar de non recoller roupa, o que si se fará e entregar paquetes de roupa a todas aquelas persoas que así o solicitaron. Este ano detectouse un importante incremento de solicitudes no servizo do roupeiro municipal, que xestiona a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Este servizo creouse co obxectivo de facerlle fronte á necesidade básica de roupa e calzado do colectivo de poboación amiense menos favorecido.

O persoal voluntario, que normalmente traballa no servizo do roupeiro municipal, centrárase na campaña de recollida de xoguetes para o Nadal e, por este motivo, non se recollerá nin roupa nin outros obxectos. O mesmo ocorrerá co persoal da brigada de obras, que traballa habitualmente no roupeiro municipal, e que durante este mes e medio colaborará na campaña de recollida de xoguetes.

O Concello de Ames puxo en marcha o pasado 28 de novembro unha nova edición da campaña solidaria de recollida de xoguetes para que os cativos de familias con menos recursos poidan gozar tamén dun agasallo durante as festas do Nadal. Esta campaña prolongarase ata o vindeiro 2 de xaneiro.
Todas as persoas que queiran colaborar coa campaña deberán depositar os seus xoguetes nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00 h. a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Prégase que os obxectos doados sexan novos ou se atopen en bo estado, e non teñan carácter bélico nin sexista.

As persoas que desexen obter máis información deberán dirixirse á Oficina Municipal do Voluntariado (OVA) ao teléfono 981 883 703, ou ben ás Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.