Pestanas principais

O Roupeiro municipal de Ames non recolle roupa ata o 15 de setembro

Xoves, 04 de xullo de 2019

O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, informa de que durante os meses de xullo e agosto, o roupeiro municipal non recollerá roupa. Se ben o servizo de recollida non estará en funcionamento ata o 15 de setembro, o roupeiro si seguirá atendendo as solicitudes da veciñanza durante os meses de verán.

O roupeiro municipal de Ames, situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldeanova, almacena a roupa recollida nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro para a súa posterior distribución entre as veciñas e veciños que a solicitan.  A través deste servizo faise fronte ás necesidades básicas de roupa, calzado e enseres  das persoas con menos recursos do concello. As persoas voluntarias son as principais responsables do funcionamento deste servizo que está en marcha dende o ano 2003 para atender este tipo de necesidades.

Se ben o servizo de recollida estará suspendido ata o 15 de setembro, os veciños e veciñas que desexen solicitar roupa, enseres ou calzado durante os meses de xullo e agosto, poderán achegarse ata a Oficina do Voluntariado ou ás oficinas municipais de Servizos Sociais de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00h. Para máis información está dispoñible o número 662 377 044 da Oficina Municipal de Voluntariado.

O proceso de recollida de roupa, calzado e enseres da vida cotiá comeza nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Todas as persoas que o desexen poden achegar entre os meses de setembro e xuño todo tipo de roupa, calzado, toallas, carriños de bebé e outros accesorios para os cativos que estean en bo estado. A roupa e produtos debe entregarse dentro de caixas ou bolsas pechadas.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "O Roupeiro municipal de Ames non recolle roupa ata o 15 de setembro"

Roupeiro municipal de Ames