Pestanas principais

O Roupeiro municipal de Ames atendeu durante o 2016 máis de 700 solicitudes

Martes, 24 de xaneiro de 2017

[24-01-2017] O Roupeiro municipal, xestionado pola Oficina de Voluntariado de Ames, acaba de cumprir 14 anos. A través deste servizo municipal, que ten as súas instalacións no Centro de usos múltiples de Aldea Nova, faise fronte ás necesidades básicas de roupa e calzado e enseres da vida cotiá, que poden ter as persoas máis necesitadas do concello. Así, durante o pasado ano 2016 a través do Roupeiro municipal atendéronse máis de 700 solicitudes, das cales arredor do 70% foron petición feitas para rapaces e rapazas menores de 16 anos.

O Roupeiro municipal naceu como resposta á crecente demanda de produtos de primeira necesidade, como é a roupa e o calzado, observada entre a poboación amesá. Con este obxectivo púxose en marcha no ano 2003 o Roupeiro municipal que está xestionado a través da Oficina do Voluntariado de Ames (OVA). A petición de paquetes de roupa por parte de particulares foi en aumento dende que comezou a funcionar este servizo. Durante o ano 2016 rexistráronse máis de 700 peticións. Destas solicitudes, arredor do 70% foron peticións de roupa ou calzado para rapaces e rapazas menores de 16 anos.

A concelleira de voluntariado, Isabel González, agradece “a iniciativa que tivo en 2003 a amiga e compañeira Carmen Feteira. Tamén hai que agradecer a todos/as os voluntarios/as que ata o día de hoxe foron pasando por este servizo e a todas as persoas que doan, ben sexa, roupa, calzado, enseres para bebés (cunas, carriños, biberóns...), xoguetes, etc”. Isabel González tamén pide que “aquelas cousas que se doen se atopen en bo estado para poder ser empregadas por outras persoas. Doemos aquilo que nos usariamos. Algunhas veces nos atopamos que se entrega roupa en mal estado, sucia ou rota e iso incrementa o traballos dos/as voluntarios/as no proceso de escolla”.

Este servizo está xestionado integramente por persoal dependente da Oficina do Voluntariado de Ames (OVA). Sete voluntarias encárganse de recibir as pezas de roupa, facer a escolla das que están en bo estado, almacenalas e entregalas ás familias máis desfavorecidas do concello, sempre baixo a supervisión do técnico de voluntariado. Nos últimos anos e, debido ás dificultades que a poboación está a atravesar, a demanda de roupa aumentou considerablemente.

O Roupeiro nun primeiro momento estivo situado na antiga escola parroquial de Biduído pero no ano 2008 o Concello de Ames deulle un grande impulso, dotándoo dunhas instalacións máis apropiadas e modernas. Na actualidade atópase situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova e conta cunhas instalacións que foron melloradas durante o pasado ano.

Proceso de recollida
O proceso de recollida comeza nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Todas as persoas que o desexen poden achegar ata os centros socioculturais todo tipo de roupa, calzado, toallas, carriños de bebé e outros accesorios para os cativos que estean en bo estado. Todos esta roupa e produtos debe entregarse dentro de caixas ou bolsas pechadas. A entrega deste material hai que facelo de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas ou de 17:00 a 22:00 horas.

Dende que as prendas chegan ao Roupeiro municipal, todo o traballo é realizado por sete voluntarias, que seleccionan as prendas que serven para despois organizalas por tallas e por tipo de roupa (de muller, de home, para cativos, etc.). Posteriormente, cando se fai unha petición por parte dalgúns usuario/a, estes voluntarios ocúpanse de seleccionar a roupa e elaboran un paquete que se adapte ás características e demandas do solicitante.

Todas as persoas que queiran solicitar roupa poden facelo na Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), situada na Casa da Cultura de Bertamiráns e nas dependencias dos Servizos Sociais municipais do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou chamando ao número de teléfono 662 377 044.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El ropero municipal atendió más de 700 peticiones de prendas y enseres en el 2016"
La Voz de Galicia: "El ropero amiense funciona desde hace catorce años gracias al voluntariado"