[14-01-2016] Co obxectivo de axilizar a entrega de roupa e de organizar os paquetes para aquelas persoas que a soliciten, a Oficina do Voluntariado de Ames engadirá un novo equipo de voluntarios aos dous xa existentes. Ademais, o Concello, está estudando un posible cambio de localización das dependencias nas que se sitúa o servizo para mellorar o seu funcionamento. As Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro recollen todos os días de luns a venres, desde ás 9 ata as 14 horas e desde as 17 ate ás 21 horas as doazóns que a cidadanía fai a este servizo municipal. Por outra banda, todas aquelas persoas que desexen prendas e enseres dos que están dispoñibles no roupeiro poden demandalos tanto a través do departamento de Servizos Sociais do Concello, como no propio roupeiro, sito na actualidade na urbanización de Aldea Nova.
Na actualidade un dos que equipos traballa na organización do roupeiro os martes o os xoves pola tarde e outro dedícalle dous ou tres días á semana, dependendo da dispoñibilidade dos voluntarios. Dado que a OVA, a Oficina Municipal do Voluntariado conta cun amplo banco de voluntarios dispostos a asumir funcións neste servizo municipal, os responsables do roupeiro, decidiron crear un novo grupo que contribúa a que o servizo se axilice e os usuarios/as poidan ver atendidas as súas demandas no menor tempo posible.
“Desde a súa creación, a veciñanza de Ames colabora xenerosamente co roupeiro de xeito que o servizo case sempre conta con excedentes”, segundo manifesta Rubén Ramos, responsable da Oficina do Voluntariado. “Este feito -engade Ramos- provoca que ademais da entrega de roupa que se fai ás familias necesitadas, o roupeiro envíe parte deses excedentes a outros centros que traballan con sectores da poboación en risco de exclusión, tais como Caritas Compostela ou o Centro Reto”. Rubén Ramos conta tamén que á roupa que non serve, dáselle unha segunda vida: “EQUUS ZEBRA, unha ONG radicada en A Coruña que traballa con inmigrantes, recolle esta roupa e fabrica con elas fías para talleres”. Por outra banda, unha ou dúas veces ao ano, envíase roupa desde o roupeiro de Ames a zonas desenvolvidas do continente africano.
A pesares destas circunstancias, hai necesidades que poucas veces se cobren con folgura no roupeiro municipal, de xeito que a oferta de roupa de bebé e de cama -mantas , sabas, colchas, edredóns- non chega a cubrir case nunca a demanda: “A nosa poboación é moi nova e este feito abrangue a todos os sectores de poboación polo que sempre necesitamos roupa e enseres para atender as necesidades dos bebés e das nenas e nenos máis pequenos”, comenta a concelleira de Voluntariado, Isabel González Cancela, quen ademais fai un chamamento á cidadanía amesá para que teña en conta esta circunstancia: “Sempre necesitamos carriños, cadeiras, berces, bañeiras e todo aquelo que se utiliza na crianza dun bebé”.
O roupeiro municipal depende da OVA, a Oficina Municipal de Voluntariado. Sete voluntarias xestionan na actualidade o servizo: “Sen o traballo do voluntariado sería imposible manter o servizo coa calidade que o mantemos-, manifesta a concelleira- por iso non nos cansamos nunca de agradecer ese labor que de xeito altruísta e desinteresado fan as voluntarias do roupeiro”.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"El ropero ‘estrena’ nuevo equipo para agilizar las entregas y podría mudarse"
La Voz de Galicia:"Ames refuerza el ropero municipal con más voluntarios y estudia una nueva ubicación"




