[25-07-2016] O venres, 5 de agosto, o Millarock volve ao Milladoiro despois de cinco anos sen celebrarse. Agoraphobia, Ith e Biribirlocke forman o cartel da VI edición do Millarock. Os concertos comezarán ás 21:00 horas na praza da Madalena e coinciden coa fin de semana na que o Milladoiro festexa as festas da súa patroa, con máis concertos e actuacións o sábado 6 e o domingo 7 de agosto.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “este goberno recupera o Millarock porque consideramos que é un festival que xa tiña unha certa tradición no noso concello”. O concelleiro sinala, satisfeito, que neste ano cóntase no cartel do festival “cun grupo amesán como é Biribirlocke, co grupo Ith, gañador da derradeira edición do certame Millarock para bandas emerxentes celebrada no ano 2011, e Agoraphobia, composto por cinco rapazas alternativas amantes do rock”. Santomil tamén apunta que “tiñamos o compromiso de recuperar o Millarock no primeiro ano de goberno, despois de ser eliminado polo goberno anterior, e así o fixemos”.
Agoraphobia será o primeiro grupo en subir ao escenario do Millarock. O grupo, nado en Boiro, foi mudando dende os seus inicios, tanto en estilo como en compoñentes, pero mantendo as raíces garaje, punk e rock que as unían coa canción de Íncubus, “Agoraphobia”, que lles da nome. Actualmente fórmano Paula Rego, batería, Susana Saavedra, cantante, Aislinn García e Sabela Sampedro, guitarras, e Lucía Fernández, baixo. No ano 2013 gañan o Vodafone Yu Music Talent, o que lles permite gravar o seu primeiro traballo “Dirty Little Things“, en febreiro de 2014. Un ano despois, e grazas a unha campaña de micromecenazgo, ve a luz “Ready to play”. Con concertos por toda Galicia e alén das fronteiras galegas as súas costas, estas artistas galegas xa levan percorrida boa parte da xeografía española cos seus instrumentos, recalando en Madrid ou Bilbao. Chegaron mesmo ao outro lado do Atlántico, invitadas a participar no festival texano “South by Southwest“, en Austin, non nunha senón en dúas edicións.
O segundo grupo no cartel chega ao Milladoiro despois de proclamarse gañador, no ano 2011 da V edición concurso do Millarock. Das 10 bandas que se presentaran Ith foi a escollida polo xurado pola frescura e orixinalidade da proposta, a gran dinámica musical dos seus membros e o gran sincronía no son. Daquela non se puideron subir ao escenario do Millarock, pero farano o venres, 5 de agosto, cinco anos despois.
Ith comeza a súa andaina nos anos 90, por el pasan distintos integrantes, músicos e vocalistas. A cantante actual, Lucía da Fonte, incorpórase en 2013 ao grupo, formado dende entón por ela, Miguel Iglesias e J.L. Toxo ás guitarras, Gonzalo Suárez ao baixo e Miguel Filgueira á batería. O seu estilo tamén mudou, ata chegar no ano 2015 ao son acadado no seu último traballo, “Forte”. Un álbum completamente autoeditado, froito de nove meses de traballo de composición e tres de gravación e mestura nun estudo no Porriño. Todos os temas foron compostos polo propio grupo. Un deles, Ith, canta as aventuras do heroe mitolóxico celta que da nome á banda; quen tras abandonar Brigantia atopa a morte en terras irlandesas.
O derradeiro grupo da noite é ben coñecido polo público amesán. Biribirlocke tivo o seu bautismo musical en Ames, tocando na Festa da Mocidade celebrada no ano 2010. Héctor, batería e coros, Pajón, guitarra, Torroncho, baixo, Martín, saxo, Roberto, trompeta, Roque, trombón, Amaro, saxo e Benja, voz. Amigos que decidiron forman un grupo e que agora poden incluír no seu currículum musical o ter tocado xunto a bandas do talle dos Herdeiros da Crus; compartir escenario con MedoMedá, Ruxe-Ruxe ou Xabier Díaz, e ter publicado un álbum no 2014. A comezos da tempada estival os Biribirlocke prometeran novidades nos seus concertos, e polo de agora xa estrearon en maio un videoclip e varios sinxelos este verán.







