Pestanas principais

O rexistro municipal de parellas de feito contabilizou 33 inscricións no último ano

Sábado, 11 de agosto de 2012

[11-08-2012] No último ano, entre os meses de xullo de 2011 a 2012, un total de 33 parellas amienses inscribíronse no rexistro municipal de parellas de feito. Desde a posta en marcha deste rexistro no ano 2003, un total de 290 de parellas elixiron en Ames este xeito de legalizar a súa unión.

No que vai de 2012, realizáronse 20 inscricións no rexistro municipal de parellas de feito, unha cifra substancialmente superior á contabilizada en anos anteriores. De feito, en todo o ano 2011 rexistráronse un total de 17 parellas de feito, mentres que no exercicio anterior foron 14.

O rexistro de parellas de feito está a cargo da Secretaría Xeral do Concello e materializase nun libro formado por follas móbiles, foliadas e seladas. No regulamento sobre a súa organización e funcionamento, establécese que poderán inscribirse neste rexistro de unións non matrimoniais de convivencia "todas aquelas parellas, incluso do mesmo sexo, que polo seu libre e pleno consentimento constituísen unha unión de convivencia non matrimonial, sexan maiores de idade ou menores emancipados, sen vínculo de consanguinidade e ningún deles teña sido declarado incapacitado".

Para realizar a inscrición, cando menos un dos dous membros da parella deberá estar empadroado en Ames. O outro membro deberá tramitar o empadroamento despois da inscrición no rexistro. Para realizar o trámite, a parella debe facer a solicitude no Rexistro Xeral do Concello e aportar a copia dos seus DNI. Na data fixada para a inscrición, a parella asinará a acta ante o alcalde e a secretaria do Concello.