Pestanas principais

O Punto Limpo superou as 700 entradas durante o pasado mes de decembro

Venres, 22 de xaneiro de 2021

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou 724 entradas en decembro. Durante o pasado mes destaca a achega de 4.120 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos, 170 quilogramos de pneumáticos fora de uso (24 unidades) e 164 quilogramos de pinturas. O Punto Limpo, inaugurado en xaneiro de 2007, está situado na rúa das Hedras, no polígono do Milladoiro e abre de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

O número de veciños e veciñas que fan uso do Punto Limpo para depositar alí os seus residuos segue incrementado, xa que cada vez somos máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non se poden depositar nos colectores convencionais.

Desta maneira, durante o pasado mes de decembro a veciñanza amesá entregou 4.120 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos; 100 quilogramos (2 metros cúbicos) de envases baleiros contaminados, 170 quilogramos de pneumáticos fóra de uso (24 unidades), 60 quilogramos de baterías de chumbo (4 unidades), 6 metros cúbicos de roupa, 100 metros cúbicos de voluminosos e 11 quilogramos de pilas (arredor de 470 unidades aproximadamente).

Ademais, rexistrouse a entrada de 73 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 20 metros cúbicos de escombro, 20 metros cúbicos de plásticos, outros 30 metros cúbicos de metais, 164 quilogramos de pintura, 100 metros cúbicos de madeira, 9 metros cúbicos de papel e 12 unidades de aerosois. Cómpre engadir tamén os aceites, 112 litros de aceite vexetal e 45 litros de aceite de motor.

Campaña de concienciación
O Concello de Ames nos últimos anos puxo en marcha varias campañas de concienciación. Durante o pasado ano 2020 as Concellarías Servizos Básicos e Transición Ecolóxica realizaron a campaña “Non nos merecemos isto”. Trátase dunha campaña de sensibilización para concienciar á veciñanza sobre a importancia de depositar os voluminosos (mobles e aveños) no Punto Limpo. Esta iniciativa sumouse a outras campañas como “Cada cousa no seu sitio!” ou “ASÍ NON. Lévaos ao Punto Limpo #CoidaAmes” postas en marcha no anterior mandato.

O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

Horarios e teléfono de contacto do Punto Limpo
Este centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben depositarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositar o voluminoso xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a recollida de ditos aveños e voluminosos.

Punto Limpo