Pestanas principais

O Punto Limpo rexistrou 619 entradas durante o mes de xaneiro

Mércores, 19 de febreiro de 2020

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou 619 entradas durante o pasado mes de xaneiro. Das achegas feitas ao longo do mes destacan fundamentalmente os equipos eléctricos e electrónicos, con 3870 quilogramos. Este servizo municipal, inaugurado en xaneiro de 2007, está xestionado pola empresa Urbaser. Ademais, o Concello vén de poñer en marcha a campaña “Non nos merecemos isto”, para concienciar á veciñanza sobre a importancia de depositar os voluminosos no Punto Limpo.

O número de veciños e veciñas que fan uso do Punto Limpo para depositar alí os seus residuos segue incrementado, xa que cada vez somos máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non se poden depositar nos colectores convencionais.

Desta maneira, durante o pasado mes de xaneiro a veciñanza amesá entregou 100 quilogramos de envases baleiros contaminados, 126 quilogramos de pneumáticos fora de uso (18 unidades), 120 quilogramos de baterías de chumbo (8 unidades), 6 metros cúbicos de roupa, 100 metros cúbicos de voluminosos e 5 quilogramos de pilas (arredor de 175 unidades).

Ademais, rexistrouse a entrada de 74 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, e de varios residuos, entre os que se encontran 20 metros cúbicos de escombro, 30 metros cúbicos de plásticos, 20 metros cúbicos de metais, 40 quilogramos de pintura e 70 metros cadrados de madeira. Cómpre engadir tamén os aceites, 76 litros de aceite vexetal e 46 litros de aceite de motor.

A campaña “Non nos merecemos isto”
Por outra banda, hai que destacar que o Concello de Ames, a través das Concellarías Servizos Básicos e Transición Ecolóxica, puxeron en marcha a campaña “Non nos merecemos isto”. Trátase dunha campaña de sensibilización para concienciar á veciñanza sobre a importancia de depositar os voluminosos (mobles e aveños) no Punto Limpo. Esta iniciativa súmase a outras campañas como “Cada cousa no seu sitio!” ou “ASÍ NON. Lévaos ao Punto Limpo #CoidaAmes” postas en marcha no anterior mandato.

A través desta iniciativa editáronse 3.000 calendarios de mesa e 500 calendarios grandes de parede co lema de dita campaña e fotos de lixo e voluminosos depositados en fincas, camiños e outros lugares como o monte de Lapido; unha pista forestal entre Lapido e O Instrumento; urbanización Agro do Muíño; aparcadoiro do Carrefour, en Bertamiráns; rúa Panasqueira, no Milladoiro; urbanización Os Laranxos, Castiñeiro do Lobo; urbanización A Telleira, Bertamiráns; Castiñeiro do Lobo; lugar de Pedras; pista forestal que vai a Pegariños; estrada cara Trasmonte; estrada de Lapido; e acceso a Costoia. Preme nesta ligazón para descargar o calendario.

Horarios e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

Este centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben depositarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositar o voluminoso xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a recollida de ditos aveños e voluminosos.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "O Punto Limpo de Ames rexistrou 619 entradas durante o mes de xaneiro"

Punto Limpo de Ames