Pestanas principais

O Punto Limpo rexistrou 536 entradas no mes de xuño

Sábado, 06 de xullo de 2019

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o mes de xuño un total de 536 visitas. Das achegas feitas ao longo do mes destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos que se achegaron aos 3.024 quilogramos. Este servizo municipal, inaugurado en xaneiro de 2007, está xestionado pola empresa Urbaser.

O número de veciños e veciñas que fan uso do Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos incrementouse nos últimos anos, signo de que a veciñanza é cada vez máis consciente da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non van os colectores convencionais. Así, durante o mes de xuño alcanzáronse as 536 visitas.

No tocante aos residuos achegados, durante o sexto mes deste ano, os veciños e veciñas de Ames entregaron 3.024 quilos de equipos electrónicos e eléctricos, 120 quilogramos de envases baleiros contaminados e 260 quilos, o equivalente a 37 unidades, de pneumáticos que se atopaban fóra de uso. Tamén se entregaron 88 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 160 quilos repartidos en 10 unidades de baterías de chumbo, 300 unidades de pilas que chegaron aos 8 quilos, e 27 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 20 metros cúbicos, aos que se sumaron 30 metros cúbicos de plásticos, 40 de metais e outros 60 de madeira, así como 76 quilogramos de pintura. Os veciños e veciñas tamén achegaron 110 litros de aceites vexetais e outros 37 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto

O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, a cidadanía que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censados en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes/as veciños/as. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo á reciclaxe dos residuos e participando na loita contra os vertidos incontrolados.

Punto limpo de Ames