Pestanas principais

O Punto Limpo rexistrou 498 entradas durante o mes de novembro

Sábado, 09 de decembro de 2017

[09-12-2017] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo, situado no polígono do Milladoiro, continúa rexistrando uns magníficos datos que amosan a concienciación da cidadanía amesá co medio. A veciñanza segue empregando este centro de depósito para desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. As cifras rexistradas durante o mes de novembro, cun total de 498 entradas, amosan a tendencia do Punto Limpo que segue rexistrando un maior número de entradas mes a mes. Durante o mes de setembro recibiu 650 visitas, número máximo de entradas dende que comezou a funcionar.

Os veciños e veciñas de Ames cada vez son máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non van os colectores convencionais. Iso demóstrase no incremento de visitas que está experimentando o Punto Limpo. Cada vez son máis as persoas que achegan a este centro para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado. Así, no pasado mes de novembro alcanzáronse as 498 visitas.

Durante o mes de novembro os veciños e veciñas de Ames entregaron 2.685 quilos de equipos electrónicos, 100 quilogramos de envases baleiros contaminados e 175 quilos (25 unidades) de neumáticos que se atopaban fóra de uso. Tamén se entregaron 61 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 180 quilos (12 unidades) de baterías de chumbo, 8 quilogramos (280 unidades) de pilas e 3 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 30 metros cúbicos, aos que se sumaron 20 metros cúbicos de plásticos, 20 de metais e outros 60 de madeira, así como 101 quilogramos de pintura. Os veciños e veciñas tamén achegaron 109 litros de aceites vexetais e outros 29 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 4 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censado en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes/as veciños/as. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo ao reciclaxe dos residuos recollendo os enseres domésticos e participa na loita contra os vertidos incontrolados.