[07-09-2011] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo, situado no polígono do Milladoiro, continúa rexistrando uns magníficos datos que amosan a concienciación da cidadanía amiense co medio. A veciñanza segue empregando este centro de depósito para desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. As cifras rexistradas durante o último trimestre do ano (xuño, xullo e agosto), cun total de 1.262 entradas, amosan a tendencia do Punto Limpo que segue rexistrando un maior número de entradas mes a mes. Durante o período estival, o número de achegas foi aumentando de xeito progresivo. No mes de xuño houbo 362 entradas, en xullo 428 e no mes de agosto producíronse 472 entradas. No que vai de ano xa se rexistraron 3.064 entradas. Isto dános unha media de preto de 13 entradas por día.
En oito meses o Punto Limpo xa rexistrou un total de 3.064 entradas. Durante o mes de xaneiro rexistrou 401 entradas, en febreiro producíronse 314 entradas, en marzo houbo 355, en abril contabilizáronse 352, en maio houbo un total de 380, no mes de xuño rexistráronse 362, en xullo 428 e no mes de agosto producíronse 472 entradas. Estes datos amosan a tendencia deste depósito de superar ano a ano a media de entradas recibidas. O número de depósitos no que vai de ano supón unha mostra do respecto e da preocupación dos amienses polo medio e sitúa a media do ano 2011 en 383 entradas, superior á media de entradas de 2010, que foi de 369 entradas, e do ano 2009, no que se produciron 320 entradas por mes. Esta cifra é moito máis ampla se temos en conta a media de 2008, que foi de 250 por mes.
Mellor marca dende que comezou a funcionar
O Punto Limpo rexistrou no mes de agosto a súa mellor marca dende que comezou a funcionar, en canto a número de entradas se refire, cun total de 472 entradas. Esta cifra supera ata a que agora era a mellor marca do Punto Limpo, rexistrada no mes de agosto de 2010, no que se produciron 459 entradas. A terceira mellor marca sería a que se produciu no mes de setembro de 2010 cun total de 437 entradas e en cuarto lugar quedaría a marca do mes de xullo deste ano con 428 entradas.
Durante o mes de agosto, os e as amienses entregaron no Punto Limpo 2.631 quilos de equipos electrónicos, 40 quilogramos de unidades de envases baleiros contaminados, 71 unidades de tubos fluorescentes e outros tipos de lámpadas, 20 pneumáticos fóra de uso, 6 baterías de chumbo e 15 quilos de pilas. A veciñanza deixou tamén 150 quilos de pintura, 50 aerosois, 9 metros cúbicos de papel, 9 metros cúbicos de roupa, 30 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 30 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas. Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 90 metros cúbicos e os restos de madeira chegaron aos 30 metros cúbicos. Por último, achegáronse 325 litros de aceites vexetais e 170 de motor. Durante este mes destaca o incremento de equipos eléctricos e electrónicos, cascallos, aceite vexetal, pilas e pintura que se achegaron ao Punto Limpo.
O Punto Limpo está no polígono Novo Milladoiro
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse daqueles obxectos e materias que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres das 10:00 h. ás 14:00 h. e das 16:00 h. ás 18:00 horas. Os sábados o horario é das 9:00 h. ás 14:00 h. e das 16:00 h. ás 20:00 horas.
Ao mesmo tempo, o Concello de Ames mantén un servizo de recollida gratuíta de mobles e trastes que se fai todos os venres. So é preciso chamar ao 981 191 240 indicando o tipo de residuo que quere tirar e deixalo xunto ao colector de lixo máis próximo á súa vivenda.




