Pestanas principais

O Punto Limpo recolleu en febreiro dúas toneladas e media de lixo electrónico

Mércores, 22 de marzo de 2023

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou 615 entradas en febreiro de 2023. Durante o pasado mes destaca a achega de 2485 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos, 480 quilogramos de pneumáticos fóra de uso e 77 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas. O Punto Limpo, inaugurado en xaneiro de 2007, está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro, e abre de luns a sábado de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

O número de veciñas e veciños que fan uso do Punto Limpo para depositar alí os seus residuos segue incrementando, xa que cada vez somos máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos refugallos que non se poden depositar nos colectores convencionais.

Deste xeito, durante o pasado mes de febreiro realizáronse unhas 615 entradas no servizo. Concretamente, a veciñanza amesá depositou 2.485 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos, 100 quilogramos (2 metros cúbicos) de envases baleiros contaminados, 480 quilogramos de pneumáticos fóra de uso (60 unidades), 75 quilogramos de baterías de chumbo (5 unidades), 3 metros cúbicos de roupa, 100 metros cúbicos de voluminosos e 10 quilogramos de pilas (arredor de 350 unidades).

Ademais, rexistrouse a entrada de 77 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 20 metros cúbicos de escombro, outros 30 metros cúbicos de plásticos, 30 metros cúbicos de metais, 87 quilogramos de pintura, 100 metros cúbicos de madeira, 9 metros cúbicos de papel e 56 unidades de aerosois. Cómpre engadir tamén os aceites, 47 litros de aceite vexetal e 32 litros de aceite de motor.

Campañas de concienciación
O Concello de Ames puxo en marcha varias campañas de concienciación nos últimos anos. Durante o ano 2020 as Concellarías de Servizos Básicos e de Transición Ecolóxica realizaron a campaña “Non nos merecemos isto”. Trátase dunha campaña de sensibilización para concienciar á veciñanza sobre a importancia de depositar os voluminosos (mobles e aveños) no Punto Limpo. Esta iniciativa sumouse a outras campañas como “Cada cousa no seu sitio!” ou “ASÍ NON. Lévaos ao Punto Limpo #CoidaAmes” postas en marcha no anterior mandato.

Horarios e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Recentemente, ampliou o seu horario, e ofrece atención de luns a sábado en horario de mañá e de tarde Así, o Punto Limpo abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositalos xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a súa recollida.

O Punto Limpo está situado no polígono Novo Milladoiro

Multimedia

  • O Punto Limpo recolleu en febreiro dúas toneladas e media de lixo electrónico