Pestanas principais

O Punto Limpo recolle de novo en abril máis de dúas toneladas de equipos eléctricos e electrónicos

Venres, 06 de maio de 2022

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames rexistrou 474 entradas en abril de 2022. Durante o pasado mes destaca a achega de 2.244 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos, 220 quilogramos de pneumáticos fóra de uso e 30 quilogramos de baterías de chumbo. O Punto Limpo, inaugurado en xaneiro de 2007, está situado na rúa das Hedras, no polígono do Milladoiro, e abre de luns a venres de 10:00 a 14:10 horas e de 16:00 a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 a 14:10 horas e de 16:00 a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

O número de veciñas e veciños que fan uso do Punto Limpo para depositar alí os seus residuos segue incrementando, xa que cada vez somos máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos refugallos que non se poden depositar nos colectores convencionais.

Deste xeito, durante o pasado mes de abril realizáronse unhas 474 entradas no servizo, practicamente as mesmas que no mes anterior, cando se rexistraran 472. Concretamente, a veciñanza amesá depositou 2.244 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos, 150 quilogramos (2 metros cúbicos) de envases baleiros contaminados, 220 quilogramos de pneumáticos fóra de uso (32 unidades), 30 quilogramos de baterías de chumbo (2 unidades), 2 metros cúbicos de roupa, 100 metros cúbicos de voluminosos e 6 quilogramos de pilas (arredor de 190 unidades).

Ademais, rexistrouse a entrada de 38 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 20 metros cúbicos de escombro, 30 metros cúbicos de plásticos, outros 30 metros cúbicos de metais, 124 quilogramos de pintura, 100 metros cúbicos de madeira, 9 metros cúbicos de papel e 32 unidades de aerosois. Cómpre engadir tamén os aceites, 55 litros de aceite vexetal e 36 litros de aceite de motor.

Campañas de concienciación

O Concello de Ames puxo en marcha varias campañas de concienciación nos últimos anos. Durante o ano 2020 as Concellarías de Servizos Básicos e de Transición Ecolóxica realizaron a campaña “Non nos merecemos isto”. Trátase dunha campaña de sensibilización para concienciar á veciñanza sobre a importancia de depositar os voluminosos (mobles e aveños) no Punto Limpo. Esta iniciativa sumouse a outras campañas como “Cada cousa no seu sitio!” ou “ASÍ NON. Lévaos ao Punto Limpo #CoidaAmes” postas en marcha no anterior mandato.

Horarios e teléfono de contacto do Punto Limpo

O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

Este centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 a 14:10 horas e de 16:00 a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 a 14:10 horas e de 16:00 a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositalos xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a súa recollida.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Lixeira suba de usuarios a un punto limpo con toneladas de electrónica"

O Punto Limpo recolle de novo en abril máis de dúas toneladas de equipos eléctricos e electrónicos

Multimedia

  • O Punto Limpo recolle de novo en abril máis de dúas toneladas de equipos eléctricos e electrónicos