- Tematica
O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou un total de 2.028 entradas no segundo trimestre deste ano, correspondendo 737 visitas no mes de abril, 650 durante o mes de maio e, finalmente, 641 en xuño. Durante este período, destaca a achega de 2.208 quilogramos de plásticos, 10.299 quilogramos de madeira, 2.189 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES) e 8.832 quilogramos de materiais procedentes da construción. Cómpre lembrar que o Punto limpo móbil ampliou os seus servizos, polo que o último sábado de cada mes presta servizo nas urbanizacións de Aldea Nova, As Mimosas e Agro do Muíño.
O número de veciñas e veciños que fan uso do Punto Limpo para depositar os seus residuos segue a aumentar, xa que cada vez somos máis conscientes do importante que é reciclar correctamente aqueles refugalos que non se poden depositar nos colectores convencionais.
Deste xeito, durante o segundo trimestre do ano, rexistráronse un total de 2.028 entradas no servizo municipal a través das cales se achegaron diferentes residuos. Desas visitas, 737 corresponden ao mes de abril, 650 ao mes de maio e 641 durante o mes de xuño.
Neste período trimestral, a veciñanza amesá depositou 2.189 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES), 2.208 quilogramos de plásticos, 250 unidades e 11 quilogramos de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 117 quilogramos de roupa, 672 unidades e 6 quilogramos de voluminosos e 37 unidades de pneumáticos usados.
Ademais, rexistrouse a entrada de 4.561 quilogramos de metais, 193 quilogramos de lodos de pintura, 10.299 quilogramos de madeira, 8.832 quilogramos de lixo procedente da construción (formigón, ladrillos e outros), 412 quilogramos e 38 unidades de papel e cartón e 64 unidades de aerosois. Cómpre destacar tamén os aceites: 234 litros de aceite usado e 257 litros de aceite vexetal.
Tamén se achegaron 11 quilogramos de envases compostos, 32 quilogramos e 27 unidades de envasases baleiros contaminados, 159 unidades de grandes aparatos electrodomésticos (GAES), 171 unidades de monitores e pantallas CRT-R5, 52 unidades de monitores e pantallas (non CRT nin LED), e 144 quilogramos de produtos fotoquímicos.
Horario e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Recentemente, ampliou o seu horario, e ofrece os seus servizos de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, o Punto Limpo abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.
Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, e acordar unha data e un lugar para depositalos xunto ao contedor máis próximo e que, posteriormente, sexan recollidos.
Ampliación do servizo do Punto limpo móbil
O servizo do Punto limpo móbil, que encontrou en funcionamento no 2023, ampliou os seus servizos. Deste xeito, o último sábado de cada mes o Punto limpo móbil está a prestar servizo nas urbanizacións de Aldea Nova, As Mimosas e Agro do Muíño, nos seguintes horarios:
-Urbanización de Aldea Nova: diante do Centro de usos múltiples de Aldea Nova, en horario de 11.00 a 11.45 horas.
-Urbanización de Agro do Muíño: dársena de autobuses do CEIP Agro do Muíño, en horario de 12.00 a 12.45 horas.
-Urbanización de As Mimosas: zona da piscina, en horario de 12.55 a 13.30 horas.
O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Nel hai un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.
Os residuos que se poden depositar no punto limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Punto Limpo de Ames superou as 2.000 visitas de abril a xuño"





