Pestanas principais

O Punto limpo móbil recollerá os pequenos residuos domésticos da veciñanza do rural e dos núcleos urbanos

Sábado, 01 de abril de 2023

Este venres pola tarde presentouse na praza do Concello o novo Punto limpo móbil co que conta o Concello de Ames e que se enmarca dentro do contrato de limpeza viaria que presta a empresa Urbaser adxudicataria de dito servizo. Trátase dun vehículo adaptado que percorrerá os diferentes lugares e parroquias de Ames, cuns horarios e puntos prefixados, normalmente ao carón das Casas da Cultura ou locais sociais de cada parroquia co obxectivo de que a veciñanza poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública. Este servizo comezará a funcionar a partir do vindeiro luns 10 de abril.

O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez, o delegado da empresa Urbaser, Nemesio López, e mailo encargado de dita empresa en Ames, José Neira, participaron no acto de presentación do novo Punto limpo móbil do Concello de Ames. Este servizo está incluído no contrato de limpeza viaria que asinou o Concello de Ames coa empresa Urbaser por un período de 7 anos.

Cómpre lembrar que o 15 de xullo de 2022 entrou en vigor o actual contrato de limpeza viaria que se estenderá ata o 14 de xullo de 2029. Dito contrato foi adxudicado por un importe de 7.388.427,97 euros. O valor do contrato por ano ascende a 1.055.489,71 euros. Trátase dun dos contratos máis importantes do Concello de Ames. Este contrato recolle importantes melloras no servizo como foi a ampliación do persoal en 5 novas persoas. Realízanse traballos de limpeza viaria en toda a localidade de Bertamiráns, do Milladoiro, das urbanizacións e de diversas zonas do rural. Outra das novidades incluídas é o servizo do Punto limpo móbil. Ademais, para prestar dito servizo a empresa concesionaria achegou nova maquinaria entre a que se atopan novos vehículos eléctricos.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou “a posta en marcha deste novo servizo no que levamos tempo traballando e dende o mes de abril será unha realidade. O Punto limpo móbil dispón dunhas datas e horarios fixados para cada parroquia. Deste xeito, a veciñanza vai poder depositar os seus utensilios e os seus aveños. Con este camión buscamos dar un servizo a maiores do que viña dando, para que a xente non teña escusas para non coidar o medio ambiente, e poida tirar os pequenos residuos domésticos no Punto limpo móbil”.

O delegado da empresa Urbaser, Nemesio López, destacou que “o obxectivo é reducir o número de vertidos de lixo. Deste xeito, o Concello de Ames, a través da empresa Urbaser SA, que somos concesionaria do servizo e da xestión do punto limpo, quere dar a coñecer e facilitar a xestión de residuos non voluminosos e a reciclaxe mediante a recollida selectiva presentando un novo servizo como é o Punto limpo móbil”.

Punto limpo móbil
O Punto limpo móbil é un vehículo adaptado que percorrerá os diferentes lugares e parroquias de Ames, cuns horarios e puntos prefixados, normalmente ao carón das Casas da Cultura ou locais sociais de cada parroquia co obxectivo de que a veciñanza poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública. Este servizo comezará a funcionar a partir do vindeiro luns 10 de abril.

O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Neste vehículo haberá un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.

Os residuos que se poden depositar en dito Punto limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles.

O Punto limpo móbil non recolle voluminosos, para iso existe outro vehículo que os recolle baixo demanda previa. O Concello de Ames elaborará un folleto cos horarios e coa información máis relevante do Punto limpo móbil para dar a coñecer entre a veciñanza este novo servizo municipal.

Horarios do Punto limpo móbil
Este son os horarios provisionais de funcionamento do Punto limpo móbil, que están suxeitos a posibles cambios durante as primeiras semanas de funcionamento do servizo.

-Luns (primeiro e terceiro do mes): Covas dende as 8:30h ata as 10:30h e O Milladoiro dende as 11:30h ata as 13:30 horas.
-Luns (segundo e cuarto do mes): parroquia de Ames dende as 8:30h ata as 10:30h e parroquia de Biduído dende as 11:30h ata as 13:30 horas.
-Mércores (primeiro e terceiro do mes): parroquia de Lens dende as 8:30h ata as 10:30h e Bertamiráns dende as 11:30h ata as 13:30 horas.
-Mércores (segundo e cuarto do mes): parroquia de Agrón dende as 8:30h ata as 10:30h e parroquia de Trasmonte dende as 11:30h ata as 13:30 horas.
-Venres (primeiro e terceiro do mes): parroquia de Tapia dende as 8:30h ata as 10:30h e parroquia de Ortoño dende as 11:30h ata as 13:30 horas.
-Venres (segundo e cuarto do mes): parroquia da Ameixenda dende as 8:30h ata as 10:00h, parroquia de Piñeiro dende as 10.15 ata as 11.30h, e parroquia de Bugallido dende as 11.45 ata as 13.30 horas. 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El punto limpio móvil de Ames para recogidas en el rural arrancará el día 10"

El Correo Gallego: "Ames cierra el círculo y sus vehículos recogen ya electrodomésticos y voluminosos 'en casa'"

Imaxe da presentación do Punto limpo móbil

Multimedia

  • Imaxe da presentación do Punto limpo móbil
  • Imaxe da presentación do Punto limpo móbil
  • Imaxe da presentación do Punto limpo móbil