[20-08-2014] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante os primeiros sete meses deste ano uns datos que amosan a concienciación da cidadanía amiense co medio. En total, entre os meses de xaneiro e xullo de 2014 un total de 2.711 veciños e veciñas de Ames achegáronse ata o Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado. O Punto Limpo mellora ano a ano os seus datos, xa que as cifras de entradas do 2013 con 4.694 usuarios/as superan ás rexistradas no 2012, no que se contabilizaron 4.520 entradas. En 2011 rexistráronse 4.600, en 2010, un total de 4.424 e en 2009, empregaron estas instalacións 3.863 veciños e veciñas.
Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.
O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.
O Parque de Reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censado en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes veciños. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo ao reciclaxe dos residuos recollendo os enseres domésticos e participa na loita contra os vertidos incontrolados.
En total, entre os meses de xaneiro e xullo de 2014 un total de 2.711 veciños e veciñas de Ames achegáronse ata o Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado. En xaneiro houbo 404 entradas; en febreiro 319; en marzo 416; en abril 391; en maio 370; en xuño 352; e en xullo 459. Ata este momento o mes con maior número de entradas foi xullo con 459.
Durante o mes de xullo os veciños e veciñas amienses entregaron 2.391 quilos de equipos electrónicos, 60 quilogramos de envases baleiros contaminados e 56 quilos de neumáticos que se atopaban fóra de uso. No pasado mes de xullo tamén se entregaron 81 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 110 quilos de baterías de chumbo, 12 quilogramos de pilas e 45 unidades de aerosois.
Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 60 metros cúbicos, aos que se sumaron 30 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 30 de madeira, así como 33 quilogramos de pintura. Os veciños e veciñas tamén achegaron 292 litros de aceites vexetais e outros 41 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 10 metros cúbicos de roupa, 13 de papel e outros 30 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.
A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, lembrou que a veciñanza amiense “ten á súa disposición este centro de depósito para desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel”. Ademais, destacou que no Punto Limpo tamén “se pode deixar aceite usado tanto vexetal como de motor”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El punto limpio mejora cifras en Ames, que opta por el reciclaje"




