Pestanas principais

O Punto Limpo de Ames rexistrou 2.602 entradas no primeiro semestre de 2016

Martes, 02 de agosto de 2016

[02-08-2016] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o primeiro semestre deste ano uns datos que amosan a concienciación da veciñanza amesá co medio. En total, entre os meses de xaneiro e xuño de 2016 un total de 2.602 veciños e veciñas de Ames achegáronse ata o Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado. O mes deste ano con maior número de entrada foi abril con 471.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O Parque de Reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censado en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes veciños. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo ao reciclaxe dos residuos recollendo os enseres domésticos e participa na loita contra os vertidos incontrolados.

En total, entre os meses de xaneiro e xuño de 2016 un total de 2.602 veciños e veciñas de Ames achegáronse ata o Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado. En xaneiro houbo 451 entradas; en febreiro 400; en marzo 463; en abril 471; en maio 408; e en xuño 409. Ata este momento o mes con maior número de entradas foi abril con 471. Todos os meses houbo cando menos 400 entradas.

Habitualmente, os veciños e veciñas amesáns deixan neste lugar equipos electrónicos, envases baleiros contaminados, neumáticos que se atopaban fóra de uso, tubos fluorescentes e outras lámpadas, baterías de chumbo, pilas, aerosois, entullos procedentes de obras menores, plásticos, restos de metais e madeira, así como pintura. A veciñanza tamén achega ao Punto Limpo restos de aceites vexetais e de motor, roupa, papel e voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, lémbralle aos veciños e veciñas que é importante empregar este Punto Limpo para contribuír ao coidado do medio. Neste centro de depósito pódense deixar aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Tamén se pode deixar aceite usado tanto vexetal como de motor. Ademais, a nosa intención é mellorar o servizo que ofrece o Punto Limpo, e incluso, se é posible crear un novo punto na localidade de Bertamiráns ou na súa contorna”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Amienses concienciados superan las 2.600 entradas al punto limpio"