Pestanas principais

O Punto Limpo de Ames alcanzou no mes de setembro 650 visitas, número máximo de entradas dende que comezou a funcionar

Luns, 06 de novembro de 2017

[06-11-2017] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o pasado mes de setembro 650 visitas, número máximo de entradas por mes dende que se inaugurou en xaneiro de 2007. Das achegas feitas no pasado mes de setembro destaca fundamentalmente o aumento dos residuos eléctricos e electrónicos que superaron os 4.500 quilogramos. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.

Os veciños e veciñas de Ames cada vez son máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non van os colectores convencionais. Iso demóstrase no incremento de visitas que está experimentando o Punto Limpo. Cada vez son máis as persoas que achegan a este centro para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado. Así non pasado mes de setembro alcanzáronse as 650 visitas, número máximo de entradas por mes dende que comezou a funcionar este servizo.

En relación aos residuos achegados pola veciñanza amesá destaca notablemente o aporte de RAEES (equipos eléctricos e electrónicos) que superaron os 4500 quilogramos. Deste xeito durante o mes de setembro os veciños e veciñas de Ames entregaron 4.548 quilos de equipos electrónicos, 200 quilogramos de envases baleiros contaminados e 100 quilos (14 unidades) de neumáticos que se atopaban fóra de uso. Tamén se entregaron 134 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 135 quilos (9 unidades) de baterías de chumbo, 9 quilogramos (315 unidades) de pilas e 21 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 30 metros cúbicos, aos que se sumaron 30 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 60 de madeira, así como 113 quilogramos de pintura. Os veciños e veciñas tamén achegaron 145 litros de aceites vexetais e outros 45 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censado en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes/as veciños/as. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo ao reciclaxe dos residuos recollendo os enseres domésticos e participa na loita contra os vertidos incontrolados.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Punto Limpo de Ames tuvo en septiembre el mayor número de depósitos en diez años"
El Correo Gallego: "Campaña amiense por el abandono de voluminosos y récord del punto limpio"