Pestanas principais

O Punto Limpo de Ames alcanzou no 2018 un total de 6.116 entradas

Sábado, 26 de xaneiro de 2019

[26-01-2019] Durante o pasado ano, o Punto Limpo de Ames rexistrou un total de 6.116 visitas de veciñas e veciños do concello. Así, o 2018 converteuse no segundo ano consecutivo en que o servizo, situado no parque empresarial do Milladoiro, supera as 6.000 entradas. Das achegas feitas, destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos, que se achegaron aos 38.135 quilogramos. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.

Ao longo de 2018, as veciñas e veciños de Ames depositaron no Punto Limpo un total de 38.135 quilos de equipos eléctricos e electrónicos, 16 metros cúbicos de envases baleiros contaminados, 1.695 quilos de baterías de chumbo, 114 m³ de papel, 1.445 quilos de pinturas, 75 metros cúbicos de roupa, 183 unidades de aerosois, 930 luminarias fluorescentes e 680 metros cúbicos de voluminosos como colchóns, sofás ou espumas.

Asemade, as achegas de madeira alcanzaron os 680 metros cúbicos, mentres que os aceites vexetais depositados chegaron aos 849 litros e os aceites minerais aos 711 litros. Ademais, superáronse os 260 metros cúbicos de escombros procedentes de obras menores, os 370 metros cúbicos de metais, os 3741 quilos de pneumáticos fóra de uso, os 280 metros cúbicos de plásticos, e os 171 quilos de pilas.

En canto ao número de usuarios, o Punto Limpo alcanzou no 2018 un total de 6.116 entradas, unha cifra similar ás 6.145 visitas do ano 2017, anualidade na que se rexistraron 6.145 entradas, o maior número rexistrado dende a posta en funcionamento no 2007. O mes que acadou maior número de entradas o pasado ano foi agosto, con 615 visitas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todas as veciñas e veciños de Ames, que queiran desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de orgánico, inorgánico, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde, entre luns e sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos de persoas particulares censadas en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para as veciñas e veciños do concello. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo á reciclaxe dos residuos, recollendo os enseres domésticos e participando na loita contra os vertidos incontrolados.