Pestanas principais

O próximo sábado, 11 de agosto, celébrase o XXXIII Descenso do Tambre de piragüismo de Ames

Xoves, 02 de agosto de 2018

[02-08-2018] A praia fluvial de Tapia será escenario o próximo sábado, 11 de agosto, da XXXIII edición do Descenso do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organiza esta competición que chega á súa trixésimo terceira edición. A proba de descenso, que ten un percorrido de 5.400 metros de distancia, realizarase ás 12:30 horas, mentres que a proba de circuíto na que participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil desenvolverase a partir das 16:00 horas na praia fluvial de Tapia. As embarcacións que poden participar nesta proba son K-1 e C-1.

O contorno da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Un ano máis, e xa van trinta e tres, o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organiza o xa tradicional descenso do Tambre. Esta proba está dividida en dúas partes. Ás 12:30 horas realizarase o descenso do Tambre, que ten unha distancia de 5.400 metros entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames), e as 16.00 horas terá lugar o circuíto, no que participarán as categorías benxamín, alevín e infantil.

No descenso do Tambre participarán padexeiros/as correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, xuvenil e cadete), kaiak muller (sénior, xuvenil e cadete) e canoa home (sénior, xuvenil e cadete). A partir das 16:00 horas desenvolverase a segunda parte do evento. Na proba de circuíto, que se realizará na propia praia fluvial de Tapia, poderán participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil con embarcacións K-1 e C-1. O devandito circuíto contará cunha distancia dun quilómetro e medio.

Unha vez finalizado o descenso do Tambre, farase entrega de premios ás categoría kaiak home, kaiak muller e canoa home, prevista para as 14.00 horas. A entrega de premios correspondente ao circuíto celebrarase a partir das 20.00 horas. Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados. A proba está aberta a todos os clubs de piragüismo e seccións de piragüismo de entidades deportivas de toda España. A xornada rematará despois dos pinchos, que se ofrecerán aos participantes e os seus acompañantes.

Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2018 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. Cada club poderá inscribir en cada proba o número de embarcacións e padexeiros/as que consideren, sen límites. As inscricións poderán realizarse mediante a aplicación web da Federación Galega de Piragüismo até o martes 7 de agosto.

Recollida de dorsais

A recollida de dorsais para o descenso realizarase entre as 11.00 e as 12.00 horas nas instalacións da praia fluvial, mentres que a recollida para o circuíto producirase entre as 14.30 e as 15.30 horas. Nesta edición está previsto que participen centos de padexeiros de toda Galicia que descenderán polas augas do río Tambre e, como en anos pasados, serán moitos os club galegos que loiten por acadar un bo posto neste evento deportivo.

Para máis información pódense poñer en contacto co Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre chamando aos número se teléfono 625 398 575 ou enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal. Outra opción é poñerse en contacto coa Federación Galega de Piragüismo a través do número de teléfono 986 84 21 06 ou no enderezo electrónico kayak-canoa@fegapi.org.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O próximo sábado, 11 de agosto, celébrase o XXXIII Descenso do Tambre de piragüismo Ames"
La Voz de Galicia: "El Descenso do Tambre se disputa el próximo sábado sobre 5,4 kilómetros"
Lindeiros: " XXXIII Descenso do Tambre de piragüismo Ames"