Pestanas principais

O próximo pleno do Concello de Ames debaterá a constitución formal do patrimonio municipal do solo

Martes, 24 de xaneiro de 2012

[24-01-2012] A sesión plenaria do vindeiro xoves debaterá a constitución formal do patrimonio municipal do solo do Concello de Ames. Trátase dunha cuestión pendente dende o ano 2002, que supoñía un incumprimento legal por parte do Concello. A constitución formal do patrimonio do solo de Ames é imprescindible para coñecer o valor real dos bens patrimoniais do Concello que ata o de agora non estaban correctamente catalogados. Sen a constitución do patrimonio do solo non se poden realizar operacións de venda e permuta por parte do Concello. Tamén irá ao vindeiro pleno aprobación do último trámite antes de cederlle a parcela da escola de eduación infantil á Xunta.

Este xoves 26 de xaneiro o pleno debaterá a constitución formal do patrimonio municipal do solo. Con esta constitución o concello estaría en condicións de xestionar os bens municipais. En relación á clasificación dos bens segundo a súa natureza son dúas as posibles categorías: pode tratarse de bens inmobles, ou de cartos obtidos pola enaxenación do aproveitamento correspondente ao municipio no desenvolvemento dun polígono ou sector ou pola venda dun ben inmoble pertencente ao patrimonio municipal do solo, documentados por tesoureiría no relativo ao importe ingresado.

Cesión á Xunta dunha parcela para construír unha nova escola de educacións infantil en Bertamiráns

Tamén se debaterá no pleno a aprobación do último trámite de cesión á Xunta dunha parcela para a construción dunha escola de educación infantil en Bertamiráns. A parcela figura inscrita como ben patrimonial no Rexistro da Propiedade de Negreira. O pleno do 12 de decembro do Concello de Ames adoptou acordo de inicio de expediente de cesión gratuíta da parcela que foi sometido á exposición pública sen que durante o prazo se presentase ningunha alegación.

A parcela ten 3.289 metros cadrados e a súa cesión foi aprobada xa por unanimidade no pleno celebrado o día 12 de decembro polo que o xoves levarase a cabo o último trámite antes da cesión definitiva.