Pestanas principais

O próximo mércores comeza o prazo de matrícula para os campamentos de verán nos que participarán 312 nenos/as

Venres, 18 de maio de 2012

[18-05-2012] As concellarías de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude e de Medioambiente, Sanidade e Cultura abren o prazo de matrícula para que os rapaces e rapazas, mozos e mozas que teñen de 3 a 18 anos gocen duns días de vacacións cheos de actividades lúdicas e instrutivas. Dende este venres, 18 de maio, pola mañá xa están expostas as listas definitivas de admitidos nos campamentos de verán 2012. As listas pódense consultar nos taboleiros oficiais da Casa do Concello, en Bertamiráns, e nas Oficinas Xerais do Milladoiro. A próxima semana haberá que formalizar a matricula dende o día 23 de maio ata o 4 de xuño. Deste xeito, todos os cativos terán a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e coñecen o respecto polo medio ambiente. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de matrícula e as bases dos campamentos de verán 2012.

O Concello de Ames deseñou un completo programa de campamentos de verán co obxectivo de que os rapaces e rapazas gocen duns días de vacacións en lugares como nas granxas escolas de Bergando (Negreira), 'Kiriko' (Fornelos de Montes), no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz e nun campamento xuvenil en Aveiro (Portugal). Grazas a este programa de campamentos deseñado polo Concello de Ames, os cativos terán a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e fomentan o respecto polo medio ambiente.

Despois de que o pasado 8 de maio finalizase o prazo de preinscrición agora ábrese un período para formalizar a matrícula que estará aberto a partir do 23 de maio ata o 4 de xuño. Todos os rapaces e rapazas que están preinscritos nestas actividades e acadasen praza teñen que formalizar a matrícula. Os impreso de matrícula, que se pode descargar na sección de AVISOS desta páxina web, haberá que cumprimentalo e entregalo na oficina municipal do Milladoiro, en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou no Rexistro Xeral do Concello, situado en Bertamiráns, no mesmo horario que no caso anterior, xunto co resto de documentación que figura nas bases.

Como novidade, nesta edición de 2012 increméntase o número de prazas, especialmente nas actividades destinadas aos alumnos/as que este ano están cursando estudos de educación infantil e primaria, e a distancia na que se realizan os campamentos. O aumento da oferta de campamentos, así como do número de prazas, realízase coa intención de que a maior parte dos cativos que desexan participar nestas actividades teñan a opción de facelo. En todos os campamentos faranse xogos de cooperación e divertidas veladas.

Incremento de prazas

O incremento de prazas permitiu que ningún dos rapaces e rapazas que cursaron este ano estudos de educación infantil e primaria quedase sen praza nos campamentos polo que non hai que realizar sorteo. Onde si haberá que realizar sorteo é para o campamento xuvenil en Aveiro (Portugal), xa que houbo 57 inscritos. Deste xeito, o martes 22 de maio realizarase o sorteo para determinar os 40 rapaces e rapazas que poderán participar neste campamento.

No sorteo establécese unha prioridade. En primeiro lugar, terán preferencia os nenos/nenas empadroados no Concello de Ames que solicitaran praza, en tempo e forma, nos campamentos de 2011, e que non puideran participar por límite de prazas. En segundo lugar, están as familias monoparentais empadroadas en Ames, seguidas dos nenos e nenas empadroados no Concello. En cuarto lugar estarán os nenos que non estando empadroados están matriculados nun centro educativo de Ames ou os seus pais/nais traballan no territorio municipal de Ames. En quinto lugar figuran os nenos/nenas non empadroados.

Para facilitarlles o pagamento aos pais/nais permítese o seu fraccionamento. Para os campamentos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, o primeiro pago (50% do custo) efectuarase nas datas de matrícula, de 23 de maio ao 4 de xuño e o segundo prazo será do 1 ao 14 de xullo. No caso do campamento xuvenil, o primeiro prazo (do 50%) será do 23 ao 31 de maio, mentres que o segundo fíxase entre o 11 e o 18 de xullo. En todos os casos, haberá descontos no custo para usuarios de familias numerosas.

Para ampliar calquera outra información dos campamentos de verán poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número 660 004 665 para os campamentos de Infantil e Primaria e omix@concellodeames.org e 616 083 229 para os campamentos xuvenís.