Pestanas principais

O próximo mércores, 26 de setembro, haberá unha reunión informativa sobre a Escola Municipal de Música de Ames

Xoves, 20 de setembro de 2012

[20-09-2012] O alumnado que está matriculado no curso 2012-2013 da Escola Municipal de Música de Ames comezará as clases a semana do luns 1 de outubro. Previamente, realizarase unha reunión informativa de inicio de curso o mércores 26 de setembro, ás 20:30 horas, no multiusos de Aldea Nova. Nesta reunión informarase dos grupos e horarios de cada materia que se imparte na EMMA. O horario de cada neno/a establecerao a mestra ou o mestre en función da idade e dos coñecementos de cada un deles. Este ano a Escola Municipal de Música de Ames, dependente da Concellería de Cultura, rexistrou un total de 192 matriculados de cara ao vindeiro curso académico. Calquera dúbida respecto aos horarios pódese consultar chamando ao número de teléfono 981 535 940, en horario de 9:30 a 13:00 horas.

A oferta educativa, coma sempre, estará orientada a nenos e nenas de 4 anos para diante. Para os máis pequenos, que non poden comezar aínda cun instrumento musical, ofrecéselles a clase de música e movemento, que consiste nunha especie de iniciación á musica para os nenos/as que teñen de 4 a 7 anos. Este ano realizaranse varios cambios na organización da materia de música e movemento. Vanse seguir impartindo dúas horas á semana (unha hora impartirase como ata agora e a outra hora estaría dividida en dúas partes: media hora dedicada á percusión tradicional e outra media hora de audicións coa profesora de canto moderno).

Para os maiores de 7 anos a EMMA segue ofrecendo as materias que se viñan impartindo en cursos anteriores. Entre estas materias están Linguaxe Musical (solfexo), recomendable para todos aqueles matriculados nun instrumento, e as clases de combo ou conxunto instrumental de música moderna.

Por outra banda, impartiranse clases para a práctica de diferentes instrumentos como piano, guitarra, frauta, violín, percusión e batería ou saxofón. Por último, ofértanse clases de canto moderno, que teñen unha duración dunha hora e media á semana. Estas clases están dirixidas a nenos/as a partir de 7 anos. Para poder participar nas clases de canto moderno haberá que realizar unha proba de acceso previamente.

Os alumnos/as que están matriculados en clases instrumentais poden ademais optar a participar nas agrupacións musicais, orquestra de frautas e saxofóns, agrupacións de violín-viola, coro de voces e combos, que se seguen impartindo durante este curso e de forma gratuíta.

Nova materia sobre os instrumentos tradicionais

Ademais, este ano impártese unha nova materia para aprender a tocar un instrumento tradicional (pandeireta, cunchas, culleres, tambor...). Estas clases terán unha duración de media hora á semana e os rapaces e rapazas estarán divididos en grupos de como máximo catro persoas.

A través deste servizo municipal ofréceselles aos nenos e nenas amienses, desde hai varios anos, a oportunidade de aprender a tocar un instrumentos ou continuar estudos musicais. Ademais a dirección da Escola Municipal de Música de Ames segue innovando ano tras ano e introducindo novas materias no programa educativo.

Para obter máis información, poden enviar un correo electrónico ao enderezo escolademusica@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 981 535 940, en horario de 9:30 a 13:00 horas.