[06-07-2017] O prazo de confirmación de matrícula para o curso 2017-2018, na Escola Municipal de Música de Ames, finaliza o próximo mércores, 12 de xullo. Ata ese día, as nenas e nenos que obtiveron praza no sorte público, do pasado 26 de xuño, poden confirmar a matrícula no rexistro das oficinas municipais do Milladoiro, no rexistro da Casa do Concello e no do Pazo da Peregrina.
O vindeiro 12 de xullo remata o prazo de confirmación de matrícula para o curso 2017-2018 na EMMA. Así, todas aquelas nenas e nenos que obtiveron praza, no sorte público realizado o pasado 26 de xuño, deberán presentar a documentación que aínda lles falta por aportar. Alén do resgardo de pagamento de matrícula, de ser o caso tamén deberán presentar outros documentos como o de domiciliación bancaria ou de exención de pagamento. Asemade, a autoliquidación de pagamento xa foi enviada por correo electrónico a todas e todos os seleccionados; porén este documento tamén se pode recoller ben nas oficinas de recadación do concello ou ben na Casa de Cultura do Milladoiro.
As aulas da EMMA comezarán en setembro no Edificio Multiusos de Aldea Nova. O venres, día 15 de setembro, celebrarase unha reunión de inicio de aulas, ás 20:00 horas no Edificio Multiusos. Porén, as aulas non se retomarán ata a semana a seguir, o día luns 18 de setembro.
O alumnado da EMMA apareceu no programa “A mellor empanada do mundo” da TVG
O día do concerto de fin de curso da EMMA, o programa “A mellor empanada do mundo” da TVG veu coñecer ao seu alumando. Desta maneira, foron gravados tanto os preparativos, coma a actuación e a merendola de despois, que se realizou o pasado 21 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro.
O concelleiro de Cultura, David Santomil, expresouse agradecido coa Televisión de Galicia por ter recollido o festival de fin de curso da escola: “O Concello agradece á Televisión de Galicia que pensase no noso concello para pór en valor o traballo que desenvolve ao longo do curso a EMMA. Ademais, este ano, a escola presentou un proxecto didáctico moi interesante para a actuación de fin de curso, xa que este xiraba arredor dun conto inventado polo profesorado e o alumnado do propio centro”.




