[28-04-2011] A orde do día do Pleno ordinario do mes de abril recolle varios asuntos que quedaron sen tratar na anterior sesión plenaria correspondente ao mes de marzo. Un dos puntos que se volverá a tratar é a aprobación do proxecto de colaboración entre Ames e Brión para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local por parte de ambas administracións locais. Outros temas de relevancia que se tratarán nesta sesión plenaria serán a desafectación dunha parcela para a construción dunha nova escola de educación infantil en Bertamiráns e a resolución de alegacións e a aprobación definitiva do plan parcial do Sector S-15 "Travesía do Porto Sur". Así mesmo darase conta ao Pleno da solicitude feita á Xunta de Galicia da subvención destinada ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais polas corporacións locais. Tamén haberá tempo para abordar tres mocións presentadas polo grupo municipal nacionalista.
O proxecto de colaboración entre Ames e Brión para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local por parte de ambas administracións locais centrou o debate da corporación local no Pleno ordinario do mes de marzo. Este asunto e unha emenda presentada polo grupo municipal nacionalista non puideron ser votados porque á media noite o alcalde levantou a sesión plenaria. Debido a iso tanto este asunto como os que se recollían a continuación na orde do día do Pleno ordinario de marzo foron incluídos na orde do día da sesión plenaria que se celebrará este xoves na Casa do Concello.
No Pleno de marzo os tres grupos municipais deixaron clara a súa postura respecto a este asunto. Mentres o goberno municipal defendeu o convenio de colaboración dende os grupos municipais popular e nacionalista manifestaron que este acordo "non beneficia o interese dos veciños/as de Ames". Agora haberá que ver se finalmente este asunto sae adiante ou non. Cómpre lembrar que o Pleno do Concello de Brión xa aprobou por unanimidade este proxecto o pasado 26 de marzo nunha sesión extraordinaria.
No caso de que este asunto fose aprobado pola corporación amiense, a continuación os alcaldes de Ames e Brión remitirán as autorizacións de ambos os dous Plenos ao Ministerio de Interior e á Xunta de Galicia para conseguir o visto bo definitivo a un proxecto que aportará significativos beneficios e melloras aos veciños e veciñas dos dous municipios. Así, a través deste acordo, Ames poderá dotarse dun servizo de Emerxencias e Protección Civil (como consecuencia da posta a disposición dos recursos materiais e persoais aportados polo GRUMIR de Brión) e Brión conseguiría un reforzo substancial no servizo da Policía local, como consecuencia dos recurso materias e persoais aportados polo Concello de Ames.
Parcela para a nova gardería de Bertamiráns
Outro dos temas importantes que se abordarán é a desafectación dunha parcela para a construción dunha nova escola de educación infantil en Bertamiráns. A parcela que propón o goberno municipal para construír a nova escola infantil está situada na Travesía do Pedregal. Esta finca é de titularidade municipal e dispón dunha superficie de 1.500 metros cadrados. A parcela é resultado da segregación e agrupación de tres parcelas de menor tamaño que se atopan ao carón do centro de saúde e da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Este tema xa se tratou no Pleno ordinario do mes de novembro. Naquel momento os grupos municipais popular e nacionalista presentaron sendas emendas para tratar de buscar outra parcela para construír este equipamento público. O goberno municipal defendeu que a parcela proposta conta co visto e prace do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar. O rexedor municipal amosou un informe urbanístico da parcela emitido por este organismo no que se indica que a devandita finca adecuase para a construción dunha nova escola infantil.
Por unha banda o grupo municipal nacionalista propuxo ceder unha parcela de titularidade municipal que se atopa na avenida da Peregrina, que está destinada para a construción da nova casa consistorial. Dende o BNG de Ames tamén propuxeron poñer á disposición da Xunta algúns baixos de edificios con dificultade de venta. Por outro lado o grupo municipal popular propuxo dúas parcelas, unha que está situada no Rego dos pasos sur, que ten unha superficie de 3.300 metros cadrados, e outra situada na Avenida de Azcárraga de 6.523 metros cadrados.
Por encargo de Alcaldía os servizos técnicos de urbanismo municipais revisaron se estas propostas eran factibles. En canto ás parcelas propostas determinan que o problema é o tempo que é preciso para poder acadar o solo, coma para a execución integral dos servizos urbanos necesarios. En canto aos baixos de edificios determinaron que o Concello non dispón de baixos en propiedade susceptibles de ser utilizados para establecer unha escola infantil. Polo tanto, segundo determinan os servizos técnicos de urbanismo non se atopan outras opcións de carácter inmediato para a posta a disposición da Xunta de Galicia dunha parcela para construír unha nova escola infantil no núcleo de Bertamiráns.
Aprobación definitiva do plan parcial S-15
O plan parcial do sector S-15 "Travesía do porto Sur" que aprobara definitivamente o pleno do Concello de Ames, en data 3 de marzo de 2007, foi anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o pasado 29 de outubro de 2009. Consecuentemente produciuse a posterior anulación dos proxectos de compensación e urbanización do sector. Posteriormente, en outubro de 2010, a Xunta de Goberno Local aprobou de xeito inicial o plan parcial para urbanizar o sector S-15 Travesía do Porto Sur. Agora o novo plan adáptase á reforma que se fixo da lei do solo de Galicia.
Transcorrido o trámite de exposición pública da aprobación inicial do novo plan parcial do S-15 "Travesía do Porto Sur" recibiuse unha alegación dunha empresa promotora. Agora o Pleno terá que resolver as alegacións presentadas pola devandita empresa. Por outra banda tamén terán que aprobar definitivamente o plan parcial do sector S-15 "Travesía do porto Sur".
O Plan Xeral de Ordenación Municipal establece que a superficie total do ámbito deste sector dispón de 52.004 metros cadrados. Ademais este plan contempla a construción de varios bloques de edificios de corte moderno, máis espazos verdes e dúas parcelas para equipamentos públicos onde se construirá o novo centro de saúde do Milladoiro e un centro dedicado á terceira idade.
Tamén haberá tempo para que o rexedor municipal de conta ao Pleno da solicitude á Xunta de Galicia da subvención destinada ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais polas corporacións locais.
No apartado de mocións recóllense tres propostas presentadas polo grupo municipal nacionalista para declarar ao Concello de Ames como concello desnuclearizado, en defensa das persoas afectadas polas hipotecas e para buscar unha solución de xeito inmediato ante a falta de prazas educativas no núcleo de Bertamiráns.




