Pestanas principais

O proxecto Apego presenta a canción e o vídeo “Vou para a cama”, gravado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

Venres, 12 de maio de 2017

[12-05-2017] Para que as nenas e os nenos vaian para a cama á súa hora pode axudar ter un referente, e unha canción que indique, lembre e estimule ese momento pode ser un bo método. Por iso, con letra e música do exitoso Paco Nogueiras, o proxecto Apego, para a socialización da infancia en galego, acaba de presentar a canción “Vou para a cama”. O Concello de Ames sumouse ao proxecto Apego en setembro de 2016. Deste xeito, desenvolve unha completa programación infantil para os nenos e nenas de 0 a 6 anos.

Ás veces, para algúns nenos e nenas o momento de ir para a cama non gusta moito, custa e é algo difícil. Para procurar mellorar esa situación cómpre establecer certas rutinas antes de ir durmir e deitarse e levantarse sempre á mesma hora, e algo que tamén pode axudar é ter un referente, como pode ser unha canción que indique e que lembre que é a hora de deitarse. A partir de aí, despois dese sinal e estímulo, pódese comezar o ambiente de relaxación e dalgúns outros rituais, como o ambiente tranquilo, a luz tenue, a lectura dun conto, música suave...

Así, para achegar un recurso en galego que poida servir como ese referente para marcar a hora de ir deitarse, o proxecto Apego, para a socialización da infancia en galego, fixo pública a canción e o vídeo Vou para a cama (https://youtu.be/xLMyLGbvXu8), con letra e música do exitoso creador infantil Paco Nogueiras, autor do disco Brinca Vai! e cun vídeo gravado no Pazo da Peregrina de Bertamirans.

Este vídeo súmase a outros da serie As aventuras de Po, que xa hai meses que se están a difundir na rede coa pretensión de achegarlles ás familias recursos en galego, e a través dos cales o polbo Po, mascota do Apego, ensina cores e froitas, os sons e nomes dos animais, as partes do corpo, a atar os cordóns, etc.

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos coma virtuais, con propostas de cancións, xogos, etc.

Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.). O proxecto está desenvolvido de xeito cooperativo por 30 concellos de diferentes tamaños, características, etc., entre os que están as sete cidades galegas e se atopa o Concello de Ames.

As familias que estan agardando un bebé ou teñen fillas ou fillas de ata 6 anos poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística de Ames para inscribírense no programa e así recibir información sobre todas as actividades e recursos que teñen á súa disposición para facorecer a crianza en galego.