[26-05-2018] O Concello de Ames e maila organización Acción contra a Fame están impartindo unha serie de talleres formativos e conferencias que se enmarcan dentro do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Deste xeito, o martes 29 de maio impartirase unha xornada formativa sobre o estudo de viabilidade dun proxecto (plan económico financeiro) e o xoves 31 realizarase un taller de traballo en equipo e comunicación.
A vindeira semana continúan os talleres formativos que se enmarcan dentro do programa Vives Emprende posto en marcha polo Concello de Ames e maila organización Acción contra a Fame. Dito programa comezou o pasado 3 de maio e xa se realizaron seis actividades sobre a construción de modelos de negocio; os estudos de mercado e clientela; o plan de marketing e a comercialización dun produto; o novo regulamento europeo de protección de datos; as competencias emprendedoras; e para aprender a comunicar e vender un determinado produto/servizo a través da rede, redes sociais, páxinas web e o seu posicionamento.
Deste xeito, o martes 29 de maio abordarase o estudo de viabilidade: plan económico. Os participantes neste taller farán unha análise económica e financeira do seu proxecto. Tamén se falará da presentación de informes, estudo de liquidez e alternativas de financiamento. Por último, o 31 de maio tratarse o traballo en equipo e maila comunicación (adestramento da capacidade de relación, a comunicación e o traballo en equipo. Tratarase de facerlles ver aos participantes a importancia da escoita activa, da comunicación non verbal e da asertividade).
Estes talleres son impartidos pola técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, e profesionais especialistas en cada tema, nas oficinas municipais situadas na rúa Viorneira, número 6, en horario de mañá, de 09:30 a 13:30 horas. As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.
Programa Vives Emprende
Estas conferencias e talleres formativos enmárcanse dentro do Vives Emprende, un programa gratuíto que ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento ás persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames, que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira.
O Fondo Social Europeo, a través do POISES 2014-2020, e a Xunta de Galicia a través subvencións destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, financian este proxecto, para o que o Concello cede os espazos que o albergarán. Vives Emprende dota ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio e acompáñalles durante todo o proceso emprendedor.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Os parados teñen unha cita o martes co Vives Emprende"