Pestanas principais

O programa Trouleando volve este mes de xaneiro cunha mañá de patinaxe sobre xeo

Martes, 17 de xaneiro de 2023

A Concellaría de Xuventude do Concello de Ames propón neste mes de xaneiro unha xornada de patinaxe sobre xeo na pista situada en Matogrande (A Coruña). Será o vindeiro sábado 28, e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. As persoas interesadas poden anotarse enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal entre o 18 e o 21 de xaneiro. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de chegada dos correos electrónicos.

O programa Trouleando ofrece para comezar o ano unha nova actividade que conxuga diversión e deporte a partes iguais. Desta volta, trátase dunha xornada de patinaxe sobre xeo, que terá lugar na pista natural situada en Matogrande (A Coruña). A pista conta con 600 metros cadrados, nos que os participantes poderán patinar durante unha hora completa.

A actividade terá lugar durante a mañá do sábado 28 de xaneiro, e ofrecerase un servizo de autobús con monitores acompañantes para todos os participantes, que sairán dende o Pazo da Peregrina (Bertamiráns) ás 10:00 horas, e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:15 horas. O regreso estímase para as 14:15 horas no caso do Milladoiro e para as 14:30 horas a Bertamiráns.

Os participantes deberán acudir con guantes, e tamén se recomenda que empreguen roupa cómoda de manga larga e protectora. O alugueiro de patíns xa está incluído na actividade.

Na actividade poden inscribirse todos os mozos e mozas que estean empadroados/as no Concello de Ames, dende os 12 anos cumpridos (nados no 2010). As persoas interesadas en participar deberán enviar a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal entre o 18 e o 21 de xaneiro. As prazas son limitadas, e serán asignadas en función da orde de chegada dos correos electrónicos.

Por outra banda, será preciso contar cun mínimo de 20 persoas para desenvolver a actividade. En caso contrario, poderá ser anulada. Así mesmo, en caso de que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables, tamén se podería adiar ao día seguinte, domingo 29 de xaneiro, ou ser suspendida de non poder desenvolverse tampouco nesa xornada.

Para calquera dúbida pódese contactar co departamento de Xuventude (XA!) a través do seu enderezo electrónico, omix@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Viaxe á pista de patinaxe coruñesa de Matogrande co programa Trouleando"

AMS GO!: "Trouleando volve este mes de xaneiro cunha mañá de patinaxe sobre xeo"

Cartel do Trouleando de xaneiro

Multimedia

  • O programa Trouleando volve este mes de xaneiro cunha mañá de patinaxe sobre xeo