Pestanas principais

O programa Trouleando continúa en outubro cunha mañá de caiac e laser tag en Vedra

Venres, 07 de outubro de 2022

Tras un breve descanso no verán, a Concellaría de Mocidade propón neste mes de outubro unha nova actividade do programa Trouleando, desta volta cunha saída a Vedra, onde se xogará a laser tag e se realizará un pequeno tramo en caiac polo río Ulla. Será na mañá do sábado 22 de outubro, con servizo de autobús dende Bertamiráns e o Milladoiro. As persoas interesadas poden inscribirse enviando esta ficha de inscrición cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal, entre o martes 11 e o venres 14 de outubro. As prazas asignaranse por orde de chegada e están abertas á mocidade a partir dos 12 anos (nada no 2009).

O primeiro Trouleando do outono ofrece unha xornada na área recreativa de Agronovo, ao carón do río Ulla, en Vedra. Alí, a mocidade que participe poderá pasar a mañá xogando en grupos a laser tag, para despois facer un pequeno percorrido en caiac polo río.

Mentres que o caiac é unha actividade máis coñecida, que consiste no desprazamento pola auga nunha variedade de piragua do mesmo nome, o laser tag é un xogo deportivo menos popular, no que varios equipos se enfrontan para conseguir puntos, apuntando aos adversarios cuns disparadores con luz infravermella. Neste senso, a dinámica é similar ao paintball, mais sen ser necesaria protección contra golpes, xa que os puntos quedan rexistrados de xeito electrónico ao seren alcanzadas as persoas participantes coa luz do equipo contrario.

Ao tratarse dunha actividade deportiva en exteriores, débese levar roupa cómoda e abrigada, como calzado pechado e roupa deportiva técnica, ademais de traxe de baño, toalla e unha muda completa de roupa e calzado, por se fora necesaria ao pasar parte da mañá preto da auga.

Poderá participar nesta xornada a mocidade empadroada en Ames a partir dos 12 anos cumpridos (persoas nadas no 2009). A actividade terá lugar o sábado 22 de outubro, con servizo de autobús dende os dous núcleos principais do concello para viaxar ata Vedra. O transporte partirá ás 9:15 horas do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para volver ás 14:30 horas. Pola súa parte, os horarios de ida e volta dende a Casa da Cultura do Milladoiro serán ás 9:30 e as 14:15 horas.

Será preciso contar cun mínimo de 20 mozas e mozos para desenvolver a proposta. En caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade. Para calquera dúbida, pódese contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, a OMIX, chamando ao teléfono 616 08 32 29, ou escribindo ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Trouleando propón unha saída a Vedra para este mes de outubro"

AMSGO!: "O Trouleando de Ames volve con sesións de caiac polo Ulla e laser tag"

Cartaz do programa Trouleando

Multimedia

  • Cartaz do programa Trouleando