Pestanas principais

O programa InserAmes-Brión inclúe a impartición dun novidoso curso de auxiliar da sección de produtos frescos e peixaría

Venres, 07 de abril de 2017

[07-04-2017] Os Concellos de Ames e Brión están colaborando unha vez máis para desenvolver a novena edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión. Este programa, que se está desenvolvendo dende o pasado 1 de setembro, conta con 60 participantes e 2 titores/as. Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses nos que se imparten diversas accións formativas, prácticas non laborais, intermediación laboral, contando cun servizo de titorización individualizado. Deste xeito, ao longo destas semanas estase impartindo un novidoso curso de "auxiliar da sección de produtos frescos: peixaría" que conta con 7 participantes. No que vai de programa conseguíronse varias insercións laborais. Dos 60 participantes, 25 están traballando ou conseguiron algún contrato de traballo, o que supón unha porcentaxe do 41,6%.

Charla sobre a marca PescadeRías
Por outra banda, os sete alumnos/as deste curso participaron nunha charla sobre a marca PescadeRías, que foi impartida por unha técnica de formación de dita marca. PescadeRías é un selo de identidade para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal cuxa fama de variedade e calidade traspasan as nosas fronteiras. O obxectivo é que ditos produtos do mar poidan ser claramente diferenciados, dentro da variada oferta que presenta un mercado cada vez máis globalizado e cunha ampla variedade de produtos. Deste xeito, os consumidores/as poden distinguir estes produtos con facilidade no mercado.

Outras accións formativas
Acaba de rematar o 31 de marzo, un curso de primeiros auxilios na educación infantil que tivo unha duración de 20 horas. A través desta acción formativa os participantes coñeceron as diversas técnicas que se poden empregar en situacións de risco físico e aplicación das mesmas en momentos necesario, aplicadas ao ámbito da educación infantil.

Durante as vindeiras semanas impartiranse outros cursos sobre o manexo de plataformas elevadoras móbiles de persoal (20 horas) do 24 ao 27 abril; limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais (80 horas teóricas e 50 horas prácticas non laborais en empresas) do 28 de abril ao 6 de xuño; monitor de transporte e comedor escolar (60 horas teóricas e 20 horas prácticas non laborais en empresas) do 2 ao 31 de maio; e un curso de inglés medio e atención ao público (40 horas) do 3-12 de xullo.

Dende o pasado 1 de setembro os Concellos de Ames e Brión están desenvolvendo a novena edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión, que conta cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 104.426 euros, e un orzamento total de 130.532 euros. Deste proxecto beneficiaranse 60 participantes que contan co apoio de 2 titores/as. Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses nos que se imparten diversas accións formativas, transversais e específicas, realízanse prácticas non laborais en empresas e que conta cun servizo de titorías individuais, ademais de outras actividades (prospección, intermediación laboral con empresas, etc.).

Dentro das accións formativas que se están desenvolvendo no InserAmes-Brión cómpre destacar un curso de "auxiliar da sección de produtos frescos: peixaría" que conta con 7 participantes. A parte teórica desta actividade formativa, que se desenvolveu do 23 de marzo ata 7 de abril, constou de 60 horas. De seguido, entre o 17 e mailo 21 de abril os participantes neste curso realizarán 25 horas de prácticas en empresas.

Dentro dos contidos teóricos impartíronse os temas de atención ao público (5 horas); prevención de riscos (5 horas); hixiene alimentaria e manipulación de alimentos (5 horas); trazabilidade (2 horas); lexislación (3 horas); materias primas (15 horas); e manipulación e corte (25 horas). O obxectivo deste curso é que os seus participantes adquiran as competencias profesionais requiridas para desenvolver as tarefas propias de sección de peixaría utilizando o equipo necesario, respectando as normas de seguridade e saúde, e prestando información ao cliente no punto de venda.