Pestanas principais

O programa Inser Ames V rexistra as primeiras insercións laborais e xa completou algunhas accións formativas

Martes, 20 de decembro de 2011

[20-12-2011] O programa de inserción laboral Inser Ames que desenvolve agora mesmo catro accións formativas xa rematou a semana pasada o curso de carreta elevadora Dumper e está rexistrando xa as primeiras insercións laborais. Agora mesmo estase impartindo o curso de habilidades sociais e resolución de conflitos que consta de 30 horas. Tamén está en marcha o curso de iniciación á enfermidade de alzheimer, para coidar a persoas con esta enfermidade, e que consta de 95 horas teóricas e 125 horas prácticas en empresas. Outra das formacións que está en marcha é a rehabilitación enerxética de edificios.

O proceso de titorización e a fase formativa tamén están funcionando. As persoas usuarias do programa Inser Ames estanse formando en sectores que aínda rexistran demanda de emprego como son a eficiencia enerxética e o coidado a dependentes. Ademais da formación correspondente a cada especialidade levaranse a cabo prácticas non laborais en empresas. A duración media das accións formativas é dunhas 80 horas, aínda que depende da formación; neste caso, o curso de iniciación á enfermidade de alzheimer ten unha duración de 220 horas, mentres que o de carreta Dumper durou 20 horas. O programa Inser Ames está subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e esta é a súa quinta edición. Este programa de emprego é o único no que se esixe a obriga dunha porcentaxe de inserción para recibir as achegas da subvención da Xunta. Ata o de agora, o Concello de Ames foi quen de cumprir sempre as expectativas de inserción laboral deste programa.

Dentro das políticas activas de emprego, o Concello de Ames segue apostando nunha época difícil para a creación de emprego por apoiar a inserción laboral sobre todo de colectivos especialmente desfavorecidos no mercado laboral. A quinta edición do programa Inser Ames está destinada principalmente a mozos menores de 30 anos sen cualificación, a mulleres e tamén a inmigrantes e emigrantes retornados. Un dos beneficios deste programa é que se ofrece un servizo de titorización personalizada. Ames é un dos poucos concellos da provincia que segue ofrecendo este programa que está cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar a través das axudas para os programas integrados para o emprego. 100 persoas participan na V edición de Inser Ames; estas persoas tiveron que pasar un proceso de selección de beneficiarios remitidos polo servizo público de emprego de Galicia.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El programa InserAmes logra las primeras contrataciones"