Pestanas principais

O programa “Falemos de saúde” volve cunha charla sobre a sexualidade na idade adulta

Sábado, 06 de maio de 2017

[06-05-2017] O Concello de Ames puxo en marcha no mes de marzo o programa “Falemos de saúde”, que pretende poñer en valor o concepto de saúde e crear un espazo onde desenvolver charlas-obradoiros participativas sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina. Este mércores, 10 de maio, continúa este programa cunha charla sobre a sexualidade na idade adulta. Dita charla será impartida, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras), por Madalena Seco, xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro, e Mónica Antelo, psicóloga do Concello. Este programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, anima a toda a veciñanza a asistir a esta cuarta charla do programa Falemos de saúde. “Contamos con que as veciñas e veciños se sigan sumando a esta iniciativa que pretende poñer en valor o concepto de saúde e crear un espazo de diálogo e participación sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina. Deste xeito, dáse cumprimento a unha demanda e a un dos obxectivos do terceiro plan municipal de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes presentado recentemente”.

A cuarta charla deste programa impartirase este mércores, 10 de maio, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras). Neste caso abordarase o tema: A sexualidade na idade adulta. Esta charla será impartida por Madalena Seco, xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro, que fará fincapé na parte médica, e Mónica Antelo, psicóloga do Concello, que abordará os aspectos psicolóxicos e sociolóxicos.

A medida que se envellece, a saúde sexual muda, e as veces parece que a sexualidade nos adultos maiores se invisibiliza. Esta charla quere poñer en valor que se pode ter unha vida sexual saudable a calquera idade xa que a idade en se mesma non constitúe unha barreira a hora de gozar dunha vida sexual sa, satisfactoria e plena. Sobre os beneficios da mesma, da afectividade, de como afecta o envellecemento á saúde sexual e outros interesantes temas falarase polo miúdo nesta nova charla do programa Falemos de Saúde.

O programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano. As charlas que se quedan por impartir son: defensa persoal; dieta saudable; o alzhéimer e outras demencias; control do estrés e ansiedade; técnicas de relaxación; a menopausia; prevención de drogodependencias; corresponsabilidade e igualdade; e adicións sen sustancia.