Pestanas principais

O programa de Vivendas Baleiras conta con tres vivendas e unha cuarta en trámite de incorporación

Venres, 15 de setembro de 2017

[15-09-2017] Ao longo deste mes de setembro formalizaranse os contratos para que os/as primeiros/as demandantes do programa de Vivendas Baleiras poidan facer uso deste servizo. Na actualidade, o Concello de Ames conta con tres vivendas adheridas a este programa e unha cuarta que está en fase de incorporación. Todos os propietarios que queiran adherirse a dito programa ou aquelas persoas que desexen beneficiarse desta iniciativa deben saber que o prazo para a presentación de solicitudes estará aberto de xeito permanente para facilitar a máxima participación. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e impresos de solicitude.

A existencia de vivendas desocupadas nos concellos resulta contraria ás esixencias dun axeitado principio de uso racional do parque de vivendas, tanto por razóns de eficiencia económica coma por ser un factor de sustentabilidade medio ambiental e territorial, polo que o programa de Vivendas Baleiras persigue promover o uso destas vivendas outorgándolle aos Concellos que as incorporan as garantías xurídicas e económicas necesarias e que son asumidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Deste xeito, o Concello de Ames adheriuse ao convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a FEGAMP para o desenvolvemento do programa de Vivendas Baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015-2020, co que se persegue poñer a disposición do mesmo as vivendas desocupadas, para poder destinalas a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso á vivenda e, de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual.

A través desta iniciativa destinaranse vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social para familias desfavorecidas. Poderán incorporarase a este programa vivendas que reúnan as seguintes condicións: vivendas libres ou que non estean sometidas a limitacións para o seu alugueiro; que carezan de cargas; que estean desocupadas; que reúnan as condicións mínimas de habitabilidade; que dispoñan dos servizos básicos de auga, lixo, gas e/ou electricidade; e que dispoñan dunha cociña con electrodomésticos.

Prazo de participación aberto de xeito permanente
Para poder participar neste programa abriuse un prazo de solicitude tanto para os propietarios de vivendas coma para aquelas persoas que desexen beneficiarse desta iniciativa. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto de xeito permanente para facilitar a máxima participación. As persoas titulares das vivendas e as inquilinas que teñan contratos de arrendamento no marco deste programa, poderán acollerse ás medidas de apoio e ás axudas públicas para o fomento do alugueiro establecidas polo IGVS e que estivesen vixentes durante a duración do contrato.

Na actualidade hai tres vivendas incorporadas a dito programa e unha cuarta en trámite de incorporación. Está previsto que ao longo deste mes de setembro se formalicen os contratos coas persoas que foron seleccionadas como adxudicatarias das citadas vivendas. Respecto das persoas adxudicatarias das citadas vivendas fíxose unha preselección e estase á espera de que subsanen a documentación que se lle requiriu. A previsión é formalizar os contratos coas persoas seleccionadas aproximadamente na segunda quincena de setembro.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Los primeros inquilinos amienses ya optan al programa Vivendas Baleiras"