Pestanas principais

O programa de envellecemento activo Amessan clausúrase cunha festa de fin de curso este domingo

Venres, 23 de xuño de 2017

[23-06-2017] Este domingo, 25 de xuño, as e os participantes do programa de envellecemento activo, Amessan, celebran a súa festa de fin de curso. Será a partir das 17:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Alí, alén da exposición dos traballos realizados durante o curso, tamén se poderá gozar da actuación dos tres grupos de pandeiretas do programa, así como do dúo musical Camilo e Eva.

As e os participantes do programa Amessan están de celebración este domingo, 25 de xuño. Un día moi especial para elas e eles xa que poñen punto e final a un curso cheo de actividades. Ao longo da tarde haberá música, con actuacións como a das propias pandereteiras do programa e a do dúo musical Camilo e Eva. Ademais, tamén se poderá ver unha exposición sobre os traballos realizados durante o ano polo grupo de manualidades. A festa comezará ás 17:00 horas no Pazo da Peregrina, de Bertamiráns.

Este ano houbo varias novidades no programa. Unha delas é a ampliación da duración do programa nun mes. Tradicionalmente, o programa Amessan rematou sempre en xuño, porén, nos últimos catro anos a data de remate sempre se fixou en maio. Nesta edición, o punto e final das actividades volveu ser neste mes de xuño. Para a próxima edición xa se están a pensar tamén noutras novidades como, por exemplo, unha serie de palestras para maiores.

Récord de participantes
O programa Amessan naceu no 2004 e, desde aquela, non fixo máis que gañar gradualmente máis adeptas e adeptos. Este ano bateuse un récord con máis de 400 participantes. Os eixos fundamentais deste programa son tres: o eixo físico, o cognitivo e o lúdico. No primeiro destes eixos encadraríanse actividades como a ximnasia terapéutica; no segundo outras como as centradas en exercitar a memoria; e, por último, a parte lúdica é aquela que englobaría todas aquelas actividades que como a de manualidades procuran ofrecer diferentes iniciativas de ocio para as e os máis maiores do concello.