[12-07-2016] O Concello de Ames informa ás persoas de entre 18 e 30 anos de que este verán a Asociación Nacional de Percusión Omar, de Rianxo, organiza unha convivencia de 11 días con mozos e mozas de Italia, Grecia e Portugal. O día 25 de xullo é a data límite para tramitar a inscrición nesta actividade, cuxa lingua vehicular é o inglés e no que se organizarán xogos de rol, ao aire libre ou obradoiros e debates en torno a temas como a busca de emprego, igualdade, coñecemento intercultural, a promoción do respecto á diversidade ou a música europea.
“Sounds of Europe” é a actividade que , no marco do programa de intercambios Erasmus + para a mocidade europea, a Asociación Nacional de Percusión Omar organiza entre os días 11 e 20 de agosto no Centro Xuvenil Mariana de Rianxo. Ofrecen 15 prazas para mozas e mozos entre os 18 e os 30 anos; o resto das 56 prazas do curso completaranos persoas da mesma idade de Portugal, Italia e Grecia. O obxectivo é realizar actividades; a meirande parte delas debates e reflexións en torno ao desemprego xuvenil, o medio ambiente, a desigualdade de xénero ou a mobilidade europea dende unha perspectiva multicultural. O prezo da inscrición, 35 euros, inclúe tanto as noites no centro xuvenil como os almorzos, xantares e ceas.
Para inscribirse as persoas interesadas deberán completar o formulario que se pode obter premendo na ligazón baixo o apartado de descargas. Ademais da idade os outros requisitos para participar son un bo nivel de inglés, para asegurar unha comunicación fluída entre as persoas do grupo, e interese pola música. Ademais de cubrir os datos, deberanse explicar os motivos polos que se quere participar neste intercambio.
As persoas que participen en “Sounds of Europe” recibirán un certificado de educación non oficial “Youth Pass”. Este certificado ten por obxectivo aumentar a empregabilidade de mozos e mozas europeos, acreditando a súa adquisición de competencias chave. Adenaus aos Concellos colaboradores con este actividade ofreceráselles a oportunidade de colaborar nunha Charla Europea durante os días de convivencia.




