Pestanas principais

O programa Apego xa chega a 23 familias do concello de Ames

Xoves, 29 de setembro de 2016

[29-09-2016] O pasado 15 de setembro o Concello de Ames presentou o programa Apego dirixido á familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, despois de que no mes de abril se adherisen a dito programa o Concello de Ames, xunto aos concellos da Coruña, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo. Deste xeito, o Apego segue medrando e xa chega a familias de 23 municipios de toda Galicia. En dúas semanas, no concello de Ames, xa se sumaron a esta iniciativa un total de 23 familias.

Estes once concellos, entre os que está Ames, súmanse aos doce que puxeron en marcha a iniciativa en 2015 (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo) co impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Grazas a esta colaboración intermunicipal, a poboación atinxida polo programa Apego supera xa o millón de habitantes.

O programa procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Dentro das accións que se realizan, a máis coñecida xa é a entrega de cadansúa caixa con información e recursos en galego ás familias que acceden a formar parte da comunidade do programa. A partir desa adhesión, reciben periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades.

Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos (www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal), varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos poden gozar, aprender e relacionarse na nosa lingua.

Elaboración de recursos audiovisuais
Grazas á medra do proxecto, coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. Trátase de pezas de vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicarlles o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar de xeito atractivo algúns contidos que, ben seguro, as nais e pais han considerar útiles (unha canción para ir durmir composta especialmente para este proxecto, xogos de dedos, os sons dos animais, as cores, as froitas, como atar os cordóns...). A distribución destes materiais farase a partir da canle en Youtube do proxecto Apego e tamén das súas redes sociais.

O Apego mantense desde os servizos de normalización dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias.

Adhesión das familias a este programa
No Concello de Ames as inscricións pódense realizar dende a páxina web www.apego.gal, chamando ao número de teléfono 662 377 215 ou enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. As familias que se sumen ao proxecto, cun neno/a nacido en 2016, terán un agasallo de benvida con materiais e recursos moi útiles especialmente creados para o tempo de agarda e preparación.

Para participar tan só hai que cumprir dous requisitos: estar empadroado en Ames e estar agardando un bebé ou ter un neno/a de 0 a 6 anos. En Ames este programa conta co apoio e colaboración da asociación Teta e Coliño de apoio á lactación materna e á crianza con apego, das escolas infantís municipais, así como das matronas que desenvolven o seu traballo nos centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro.