[06-07-2016] O sábado, 2 de xullo, 25 persoas das escolas infantís de Ames participaron no Obradoiro Alí de recursos en galego para a educación infantil. O obradoiro organizado polos departamentos de Educación e de Normalización Lingüística, desenvolveuse das 10:00 ás 14:00 horas e das 16:00 ás 20:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e nel participou tanto persoal das escolas municipais, como da Galiña Azul ou doutras escolas privadas do concello.
Coñecer os recursos educativos existentes, saber onde atopalos e como traballar con eles para fomentar tamén nas aulas o uso do galego como vehículo para que nenas e nenos poidan apropiarse do mundo na súa lingua, expresando os seus sentimentos, pensamentos e emocións; aprendendo de xeito lúdico e sen prexuízos foron os obxectivos deste curso.
Abriu a xornada Isabel Vaquero, a concelleira de Normalización lingüística, e na súa intervención destacou a importancia e a responsabilidade do persoal das escolas infantís como axentes no proceso de normalización lingüística dado que son un referente para os cativos e cativas e para as súas familias nunha etapa tan importante como é o momento da adquisición da lingua. “É imprescindible visibilizar os recursos existentes para utilizalos nas aulas e así desenvolver o traballo con ferramentas axeitadas e atractivas”, salientaba a concelleira.
Ao longo do obradoiro os e as asistentes cantando, bailando, xogando, construíndo, pintando, contando... fóronse achegando a novas ferramentas e recursos e a propostas didácticas para enriquecer a aprendizaxe do seu alumnado.
Coñecéronse as principais coleccións de libros e de contos, o amplo panorama de música infantil, materiais audiovisuais, xogos, arrolos, adiviñas, xogos de dedos e de colo, cancións de aniversario, recursos na rede, recursos para crear xogos, para crear contos ou para contar historias... Todo isto con propostas concretas para desenvolver na aula adaptadas aos amplos contidos que se tratan de 0 a 3 anos: os números, as cores, as emocións, as primeiras palabras, os animais, a contorna, o coñecemento do medio, os xoguetes, as rutinas, os procesos de adaptación, as comidas, os días da semana, saúdos e despedidas, os contrarios, as principais festas do ano (nadal, entroido, samaín...), as estacións, os oficios, os instrumentos musicais etc.
Ademais, presentouse o portal www.aliali.gal de recursos educativos en galego, un espazo na rede onde se agrupan a maioría dos recursos existentes en galego para a educación infantil e onde se poden realizar doadamente buscas de materiais por idades, por temáticas, por temas, por competencias, etc. Este portal é útil tanto para formadores e formadoras como para as familias ou para calquera outra persoa interesada neste ámbito.
O obradoiro “Alí” enmárcase dentro do programa Apego, unha iniciativa para acompañar, fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial na que participa Ames xunto con outros 22 concellos galegos. A partir de setembro poderán inscribirse no programa as familias interesadas con nenos e nenas de 0 a 6 anos.




