Pestanas principais

O programa Apego comeza en setembro coas Brincadeiras Miúdas

Venres, 28 de agosto de 2026

Un ano máis, o programa Apego, a través do departamento de Normalización Lingüística, pon en marcha as Brincadeiras Miúdas, unha xornada de música, baile, xogos tradicionais e creación de xoguetes que se vai celebrar na Carballeira dos Trasnos en Ventín o vindeiro mércores, 2 de setembro, ás 18.00 horas. Trátase dunha actividade de balde para público familiar que non precisa dunha inscrición previa.

O programa Apego presentará en breve a programación para os vindeiros meses. Unha proposta de actividades que incluirá xogos, contos, obradoiros, música, cinema, teatro e maxia pensada para favorecer a transmisión da lingua e para achegarlles recursos ás familias para unha crianza en galego, positiva e creativa. 

A programación abrirá coas Brincadeiras Miúdas na carballeira de Ventín, todo un clásico para as familias Apego. Será unha tarde de música, xogo e divertimento dinamizadas e dirixidas por Cé Orquestra Pantasma, un músico e mestre xogueteiro especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza con diferentes propostas lúdicas e musicais. Esta actividade ten como obxectivos fomentar a creatividade e a autonomía das crianzas e demostrar que a natureza pode ser a mellor e máis divertida feira xogueteira.

Deste xeito, o vindeiro mércores, 2 de setembro, ás 18.00 horas, as crianzas terán a oportunidade, xunto coas súas familias, de gozar de actividades que fomentan o descubrimento da natureza como espazo único e indispensable para xogar, onde a imaxinación é o mellor xoguete. A actividade celebrarase na Carballeira dos Trasnos de Ventín e non é necesaria inscrición previa para participar. A entrada é de balde. 

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

O programa Apego comeza en setembro coas Brincadeiras Miúdas

Multimedia

  • O programa Apego comeza en setembro coas Brincadeiras Miúdas