Pestanas principais

O programa Amessan inclúe a realización de cinco charlas informativas entre o 8 de maio e o 14 de xuño

Sábado, 21 de abril de 2018

[21-04-2018] A Concellaría de Voluntariado e Benestar Social organizou para os vindeiros meses unha serie de cinco charlas dirixidas a persoas maiores de 60 anos. Cada unha destas conferencias abordará un tema diferente: alimentación saudable, prevención de demencias, sexualidade na idade adulta, prevención de estafas e roubos e recursos para persoas que viven soas. As charlas, que se encadran no programa municipal de envellecemento activo Amessan, desenvolveranse nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns e no local social de Trasmonte. Para asistir non será preciso inscribirse previamente. As charlas adoptarán a forma de obradoiros dinámicos, nos que o intercambio de información será o eixo fundamental na adquisición dos novos coñecementos.


Como novidade deste 2018, a Concellaría de Voluntariado e Benestar Social organizou un conxunto de charlas que abordarán, ao longo dos dous próximos meses, algúns dos temas de maior interese para as persoas maiores de 60 anos. Estas charlas informativas desenvolveranse nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, así como no local social de Trasmonte, en horario de 18:00h a 19:30 horas. As charlas serán impartidas por Graciela Rivas, traballadora social e técnica superior en animación sociocultural, especializada en xerontoloxía e atención á terceira idade. 

Cinco charlas informativas
A primeira destas conferencias-obradoiro terá lugar o 8 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro e estará centrada na importancia dunha alimentación saudable. Desta maneira, o obradoiro estará orientado a asesorar ás persoas maiores nos seus hábitos alimentares, co fin de previr enfermidades e mellorar a súa calidade de vida. A segunda das charlas realizarase o 23 de maio na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste caso, a conferencia estará enfocada á prevención de demencias, concretamente do Alzheimer, polo que nela se ofrecerá diferente información sobre estas enfermidades.

A sexualidade na idade adulta é o tema escollido para a terceira das sesións, que se celebrará o 29 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta sesión estará centrada nos acontecementos máis relevantes neste eido, traballando aspectos como as doenzas e os medicamentos que afectan a esta parte de vida, así como os cambios físicos, os mitos e os métodos e tratamentos que existen á hora de combater determinadas problemáticas.

A cuarta das conferencias abordará a prevención de estafas e roubos. Esta conferencia realizarase o 4 de xuño, en horario de 17:00h a 18:30 horas, no local social de Trasmonte. Nesta ocasión, a charla será impartida por axentes das forzas de seguridade e por un técnico da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), entidade coa que o Concello de Ames ten asinado un convenio para o asesoramento da cidadanía nesta materia. As persoas asistentes recibirán este día información relativa a este tipo de delitos.

Por último, a quinta das conferencias tentará ofrecer diferentes recursos orientados ás persoas que viven soas, co obxectivo de que estas poidan manter un bo nivel de autonomía física, funcional e cognitiva. Esta charla terá lugar o 14 de xuño na Casa da Cultura de Bertamiráns, no horario habitual. 

O programa Amessan
As cinco charlas informativas organizada pola Concellaría de Voluntariado e Benestar Social encádranse dentro do programa de envellecemento activo Amessan: un programa que está conformado por obradoiros e actividades dirixidas a persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello. Así mesmo, tamén poden participar nel persoas con diversidade funcional, que presenten un informe médico no cal se recomende a súa asistencia a algunha das aulas.

As actividades do programa Amessan inclúen manualidades, talleres de memoria e de música tradicional, así como ximnasia terapéutica. As aulas impártense nos locais socias de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira, Lens e Trasmonte e nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. As actividades comezan en outubro e rematan no mes de xuño.